Galiza suma dous novos falecementos e 216 novos positivos con Ourense á cabeza en casos activos

Dispositivo para a realización de pruebas PCR (AFP7 / Joaquin Corchero)
A área sanitaria de Ourense e, en particular, a cidade das Burgas, rexistra os datos máis negativos. 

Malia diminuír o número de casos activos a respecto da xornada anterior, Galiza volve superar a barreira dos 200 novos positivos por coronavirus.

Segundo os últimos datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade o número de casos activos de coronavirus é de 4.092, 325 menos que hai 24 horas. Deles 848 son da área da Coruña, 503 da de Lugo, 891 da de Ourense, 722 da de Pontevedra, 460 da área de Vigo, 547 da de Santiago e 121 da de Ferrol.

O brote no concello de Ourense está a evolucionar claramente en sentido negativo.

Do total de pacientes positivos, 35 permanecen ingresados en Unidades de Coidados Intensivos, 194 en unidades de hospitalización e 3.863 recupéranse no seu domicilio. Sanidade tamén informa de que na Galiza hai un total de 19.714 persoas curadas. O número de persoas falecidas aumenta até as 751 após a morte dun home de 75 anos ingresado no hospital de Ourense e dunha muller de 82, hospitalizada en Pontevedra, ambas as dúas, con patoloxías previas, puntualizan.

Ourense, a área máis castigada 

A área sanitaria de Ourense, con 891 casos activos e 82 persoas hospitalizadas, 8 delas na UCI, concentra o maior número de casos. O empeoramento da situación nos últimos día levou á Consellaría de Sanidade a decretar medidas de restrición máis estritas, nomeadamente para o concello de Ourense, onde están prohibidas as reunións de persoas non coviventes.

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que xustifica o endurecemento dos límites impostos na cidade de Ourense indica que os casos diarios aparecen de maneira continua, cousa que non sucede no resto da área.

A taxa acumulada en Ourense rolda os 300 casos nos últimos 14 días e é de 167 casos na última semana e de 72 nos últimos tres días.

Segundo recolle o DOG deste sábado, "o informe destaca que o brote no concello de Ourense está a evolucionar claramente en sentido negativo, xa que a incidencia segue aumentando e hai un alto número de ingresos e de traslados a unidades de críticos”.

A taxa de incidencia na comarca segue en aumento, advirten as autoridades sanitarias, especialmente a de casos por 100.000 habitantes a sete días, que "triplica" a do conxunto da comunidade autónoma. Neste sentido, dende a xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras informan de que a taxa acumulada en Ourense rolda os 300 casos nos últimos 14 días e é de 167 casos na última semana e de 72 nos últimos tres días.