Galiza suma 154 novos positivos e acada os 1.282 casos activos

Toma de mostras para a proba do coronavirus Covid-19 (Europa Press).
O Servizo Galego de Saúde informa de dous novos falecementos nas últimas horas, polo que a cifra de mortes por coronavirus ascende a 625.

Volve subir a detección de novos casos de Covid-19 na Galiza. Nas últimas 24 horas diagnosticáronse 154 novos contaxios, que marcan unha lixeira repunta con respecto aos últimos cinco días nos que se rebasou a barreira do centenar de casos.

Segundo a última actualización de datos facilitada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus é de 1.282. Aumentaron en todas as áreas sanitarias. Do total, 778 son da área da Coruña, 110 da de Lugo, 94 da de Ourense, 60 da de Pontevedra, 134 da área de Vigo, 55 da de Santiago e 51 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, tres permanecen en Unidades de Coidados Intensivos, polo que volven rexistrar actividade relacionada coa Covid-19 despois de dous días sen doentes ingresados. 48 persoas recupéranse en unidades de hospitalización e 1.231 no seu domicilio.

A Coruña-Cee, á cabeza

A área sanitaria da Coruña-Cee segue á cabeza en número de casos activos. Con respecto á xornada do sábado sumou 78, o que representa 60,7% do total. Tamén é a que máis pacientes ingresados ten en hospitais, 39 dos 48 que hai en toda Galiza, o 81%.

Nas últimas 24 horas, rexistráronse 28 altas epidemiolóxicas, o que eleva o número de persoas curadas a 11.587. Doutra banda, o Sanidade informa de dous novos falecementos, un home  de 69 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario de Pontevedra con patoloxías previas, e unha muller de 86 anos, tamén con doenzas anteriores, ingresada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

 

Na actualidade, as residencias de maiores rexistran catro casos positivos entre o colectivo de traballadoras e ningún entre o de usuarias.

O número de PCR realizadas é de 280.185.