Galiza Sempre ve necesario o concerto económico

Joám J. Romero, Montse Prado e Rubén Cela, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

Presentación de Galiza, coa chave dos seus cartos.

O actual sistema de financiamento autonómico aprobouse en 2009 e tiña data de caducidade: 2014. Porén, 10 anos despois, o sistema continúa vixente e pendente dunha modificación que se demanda desde múltiples voces. O modelo de financiamento da Galiza volve estar, unha vez máis, sobre a mesa, da man do debate aberto ao redor da condonación da débeda e da revisión do financiamento autonómico.

É neste contexto onde aparece Galiza coa chave dos seus cartos, caderno publicado pola Fundación Galiza Sempre e que esta cuarta feira foi presentado en Compostela. Un acto no que estiveron presentes o presidente da fundación, Rubén Cela, e dous dos catro autores do caderno, a deputada do BNG, Montse Prado, e o economista Joám J. Romero Durán.

O caderno é para Galiza Sempre "un monográfico coral", que recolle os artigos das deputadas do Parlamento galego, Montse Prado e Noa Presas, así como dos economistas, Xosé Díaz e Joám J. Romero. O traballo, que se publica dentro da colección Ideas Impresas, analiza o actual sistema de financiamento e o seu "inxusto e arbitrario reparto", pois este modelo "non ten en conta as características específicas da Galiza". E isto ten consecuencias, xa que o actual sistema de financiamento deixa Galiza cun déficit anual de 1.535 millóns, segundo constataba o Consello de Contas en maio de 2024. Xosé Díaz, un dos autores do caderno, vai máis aló e afirma que co actual sistema de financiamento, desde 2009, o Estado "succionou á Galiza 59.364 millóns de euros".

Alternativa

Mais o caderno non se limita a unha simple descrición do actual financiamento imperante e as súas consecuencias para a Galiza. Tamén presenta unha proposta de alternativa, centrada nun modelo de concerto económico para Galiza, "máis xusto, simple, transparente, e que garantiría a prestación duns servizos públicos de calidade" no país.

Esta é a proposta, sinalouse no acto de Compostela, que vén defendendo o nacionalismo galego desde Alfredo Brañas, as Irmandades da Fala ou o propio Partido Galeguista, con Alexandre Bóveda á cabeza. Unha proposta retomada e actualizada polo nacionalismo contemporáneo.