Os máis de 400 insubmisos e miles de obxectores galegos que fixeron fronte ao Exército español

Manuel Caride, Paz Abraira e Bieito Lobira, onte en Lugo. (Foto: Galiza Sempre)
Galiza Sempre pon en valor a  loita galega contra o militarismo. Un caderno feito por Bieito Lobeira e Manuel Caride repasa a historia e a vixencia do movemento.

O Vello Cárcere de Lugo acolleu esta sexta feira a presentación do novo número da colección Ideas Impresas da Fundación Galiza Sempre, Antimilitarismo na Galiza, un monográfico dedicado á loita contra o militarismo no país. Un estudo feito por dúas persoas que coñecen de primeira man este tema: Bieito Lobeira e Manuel Caride, militantes nacionalistas, no seu día insubmisos ao Exército español e que canda moitos outros formaron parte dunha loita colectiva que foi quen, entre outras conquistas, de pór fin ao servizo militar obrigatorio (SMO).

Mais non estamos, como sinala Bieito Lobeira a Nós Diario, ante un exercicio de "nostalxia". A loita contra o militarismo é un compromiso "vixente, de actualidade, da necesidade de dar resposta"  nun contexto de rearme a nivel mundial sen precedentes desde o final da Guerra Fría.

"Vemos como colle forza o imperialismo e as súas agresións, como aumenta o orzamento militar, como se reabre o debate de recuperar o servizo militar...", explica Lobeira, e fronte a iso "cómpre pór en vixencia aquela loita pola paz e a insubmisión, contra o militarismo e o imperialismo" que tivo diversos capítulos ao longo da historia da Galiza.

Un pobo insubmiso

Antimilitarismo na Galiza quer "rachar estereotipos", en palabras de Bieito Lobeira, e incidir en que "Galiza foi un pobo insubmiso ao Exército español". O traballo comeza tratando a oposición ao servizo militar que xa existía no país a principios do século XX, coa mocidade das clases populares 'desertando' ou mesmo amputándose o dedo índice —e así non poder usar armas— con tal de non ter que ir ao Exército español e combater en guerras como a de Marrocos.

A seguir, fai un seguimento da oposición ao militarismo na Galiza, con especial énfase no nacionalismo, que xa no Partido Galeguista estabelecía como un dos seus principios básicos o "antiimperialismo". Debúllase o movemento anti-OTAN na década dos 80 e no caderno ten un protagonismo especial o movemento de obxección e insubmisión ao Exército español que colleu pulo nos 90, con miles de mozos galegos negándose a acudir ao servizo militar obrigatorio.

"Nos 90, Galiza e Euskal Herria eran as únicas no Estado onde máis da metade da mocidade non facía o SMO, ben por ser insubmisos ou ben por declararse obxectores", afirma. No traballo que publica Galiza Sempre hai un censo de insubmisos galegos, un número que andaría por volta de 400; unha cifra importante tendo en conta que declararse insubmiso implicaba ser sometido a xuízo e enfrontarse a penas de cárcere. Por prisión pasou, de feito, o outro autor do traballo, Manuel Caride.

"O movemento antimilitarista na Galiza foi plural e diverso, nós pomos o foco no nacionalismo", recoñece Lobeira, ao tempo que denuncia non só o papel do Exército español en canto a "garante" da unidade do Estado español —e de negación do dereito de autodeterminación do pobo galego— senón tamén externo, da man da súa "funcionalidade cara á OTAN" e a participación da estratexia imperialista.

O traballo presentado onte debulla así pois o papel que xogou e xoga o Exército español na Galiza e tamén rexistra as diferentes instalacións militares existentes no país. O caderno vai ser presentado ao longo das semanas vindeiras en diferentes cidades do país.