Galiza, segundo territorio con máis ingresos en UCI nos últimos días

(Foto: Europa Press)
O número de hospitalizados en coidados intensivos é 77, cando o 1 de marzo eran 105. Hospitalñizadas en planta hai 292 persoas, o que supón 140 menos que hai unha semana.

Galiza rexistrou un total de 28 ingresos en UCI polo coronavirus na última semana, segundo os datos que publicou o Ministerio de Sanidade. Deste modo, Galiza é o segundo territorio con maior número de ingresos entre o 1 e o 7 de marzo, por detrás de Madrid, con 66.

Estes 28 ingresos en UCI supoñen unha cifra similar aos 27 da semana anterior. En total desde o comezo da pandemia, 1.633 persoas con coronavirus pasaron polas UCI galegas. Os casos da Covid que necesitaron hospitalización nos últimos sete días foron 147.

O número de hospitalizados en coidados intensivos é a día de hoxe de 77, cando o 1 de marzo eran 105. Hospitalñizadas en planta hai 292 persoas, o que supón 140 menos que hai unha semana.

Segundo os datos actualizados na mañá de hoxe pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta segunda feira, os casos activos de Covid-19 descenderon lixeiramente até os 3.422 -datos similares aos de finais de agosto-, o que supón 92 menos que a xornada anterior.

Por contra, aumentan os contaxios diarios detectados con calquera tipo de proba a 152 -tras os 88 do inicio da semana-, dos cales 116 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Porén, se a comparativa é con hai unha semana, a baixada é considerábel.

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.278 persoas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza, após o tres vítimas notificadas na noite desta segunda feira pola Consellería de Sanidade.