Galiza rexistrou 7.602 denuncias por violencia de xénero en 2024, 21 ao día

Cartaz contra a violencia machista nunha protesta recente. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Antes de final de ano a Galiza contará con catro prazas máis de xuíces de violencia sobre a muller, dúas transformadas na Coruña e Vigo e dúas d enova creación en Santiago e Ourense.

A Galiza rexistrou en 2024 un total de 7.602 denuncias por violencia de xénero, case 21 ao día. Isto supón un 1,6% con respecto á notificadas en 2023. Así o comunicou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que esta segunda feira informou de que o número de mulleres vítimas descendeu un 2,6%, posto que se contabilizaron 7.248 fronte ás 7.438 de 2023.

A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) foi na comunidade de 51,6, a segunda máis baixa do Estado, cuxa media se situou en 74,2. Ademais, en 2024 rexistráronse 66 menores tutelados vítimas de violencia de xénero. Con respecto a este último dato, matizan, contabilízanse os fillos e fillas de vítimas sobre os que o maltratador exerceu violencia de forma directa.

90% das sentenzas, condenatorias

Desde o TSXG destacan que a gran maioría das denuncias, 73,9%, foron presentadas polas propias vítimas, ben nos xulgados ben en dependencias policiais, "cifra que segue sendo moi superior ás das denuncias presentadas polos achegados da vítima, que apenas alcanza un 1,8% do total".

Pola súa parte, as denuncias derivadas directamente de atestados policiais representaron 16,4%; as orixinadas por partes de lesións, 4,9%, e as interpostas por terceiras persoas alleas ás vítimas, 2,8%. Os xulgados galegos que asumen os casos de violencia sobre a muller concederon o ano pasado 1.183 ordes e medidas de protección e seguridade, un 8,9% menos que en 2023.

En total, recibiron 1.819 peticións destas medidas protectoras (un 5,7% menos que en 2023), das que foron concedidas 65%, mentres que os xulgados en funcións de garda incoaron 452, das que adoptaron 274, 60%, segundo os datos estatísticos publicados esta segunda feira polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

89,5% das sentenzas ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller entre xaneiro e decembro do ano pasado en procesos de violencia de xénero foron condenatorias, unha cifra que alcanza 78,4% nas ditadas polas audiencias.

Xulgados de menores

Así mesmo, no período analizado, os xulgados de menores axuizaron 19 persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller. Segundo os datos divulgados, en 2024 na comunidade descenderon un 12,2% os casos de vítimas que se acolleron á dispensa do deber de declarar, xa que optaron por esta opción 433 mulleres, fronte ás 493 que o fixeron en 2023.

Os órganos xudiciais ditaron 663 medidas cautelares civís, cuxa finalidade é a protección da muller e dos menores mentres se resolve o proceso penal. As máis frecuentas foron as relacionadas coa prestación de alimentos (189), que representaron o 28,5% do total. Adoptáronse tamén 171 relativas á atribución da vivenda; 172 sobre suspensión do réxime de visitas; e 79 sobre suspensión da garda e custodia.

Catro prazas máis de xuíces de violencia sobre a muller

Por outra parte, o Goberno do Estado prevé incrementar antes de fin de ano en 53 o número de prazas de xuíces e maxistrados de violencia de xénero e remitiu ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) unha proposta de Real Decreto. Dese total, catro serían na Galiza. Dúas transformadas doutros xulgados, na Coruña e Vigo, e outras dúas de nova creación, neste caso en Santiago e Ourense.

A medida enmárcase na nova Lei de Eficiencia da Xustiza e tras as protestas de xuíces e maxistrados que alertaron do "colapso total" dos xulgados de violencia de xénero ao ter que asumir os procesos sobre os delitos contra a liberdade sexual aínda que non exista un vínculo matrimonial ou análogo entre agresor e vítima.

Os xulgados de violencia sobre a Muller xa asumían estes delitos a condición de que entre a vítima muller e o agresor home mediase ou mediase un vínculo afectivo. A novidade radica en que ditos órganos xudiciais encargaranse agora destes casos con independencia da existencia da devandita relación entre as partes.

O Ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, anunciara con motivo do 8 de marzo o reforzo dos xulgados de violencia de xénero cun incremento de 50% do número de xuíces.