A Galiza rexistrou 689 animais mariños varados na costa en 2024
A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, Cemma, vén de facer balance da actividade desenvolvida o ano pasado desde a Rede de Varamentos da Galiza-Revarga. Segundo revelan os seus rexistros, 2024 concluíu con 689 animais varados: 614 cetáceos (89%), 6 pinnípedos (1%), 32 tartarugas (5%), 23 quenllas (3%) e 14 lontras (2%). Ademais tamén foron rexistrados 17 peixes de diferentes especies (atún, peixe espada e peixe roda). 69% dos rexistros concentráronse na costa ao sur de Fisterra, e só 31% ao norte.
Estas cifras, afriman os técnicos do Cemma, seguen a liña do ano 2023, que finalizara con 697 animais varados (cetáceos, pinnípedos, tartarugas, quenllas e lontras), ademais de 17 peixes doutras especies, e que supoñen un incremento espectacular con respecto a calquera ano anterior ao 2022, superando o dobre da media anual situada nos 270 exemplares entre 1990-2022.
Por concellos, o de Ribeira (O Barbanza) é o que rexistra con máis frecuencia varadas de exemplares mariños. En 2024 realizou case 60 rexistros. Superan os 30 exemplares anuais outros municipios como Muros, O Grove (O Salnés), Porto do Son (Noia) e Sanxenxo O Salnés. Superan os 20 exemplares ao ano os concellos: A Coruña, Bueu (O Morrazo), Carnota (comarca de Muros), Ferrol, Fisterra e Vigo. Os concellos que anualmente rexistran o maior número de rexistros atópanse orientados a mar aberto ou nas bocas das rías. Cara ao interior das rías o número de varadas descende.
Golfiños, arroaces e tartarugas
Segundo explican desde Cemma, a maioría dos exemplares varados corresponden ao golfiño común, Delphinus delphis, que con 614 individuos. Representa 74% dos cetáceos, cun incremento semellante o xa rexistrado o ano anterior e quintuplicando a media anterior a 2022.
O arroaz, Tursiops truncatus, con 46 exemplares no 2024 (8% dos cetáceos) case triplicou a media anual de varadas dos anos anteriores. En cambio outras especies como o caldeirón, Globicephala melas e o arroaz boto, Grampus griseus, especies relativamente frecuentes no pasado, anotaron varadas en moi baixa frecuencia, menos de 1%. Ademais, unha parte dos exemplares, 9%, non foron identificados polo seu estado ou porque non puideron ser examinados.
En 2024 tamén destacou o alto número de tartarugas mariñas rexistradas, sobre todo tartaruga mariña común. Destes animais, 10 tartarugas tiveron que ser trasladadas a rehabilitación e oito xa foron liberadas. Ademais tamén completaron a súa rehabilitación outras cinco tartarugas que ingresaran en 2023. Semellante situación coas tartarugas deuse en todo o Norte Cantábrico.
Exemplares mortos
A maioría dos cetáceos apareceron varados mortos e moitos deles en avanzado estado de descomposición polo que se descoñece a causa da morte. Só 10% foron rexistrados con vida, "pero o alto número fai que as cifras sexan desorbitadas, con 70 exemplares vivos que foron reintroducidos no mar e que sobreviviron na maior parte dos casos".
Desde Cemma tamén destacan que en 2024 "non foron ingresados lobos mariños para rehabilitación". Porén, lembran o paso pola costa do lobo mariño Oza, que non foi preciso recoller, que rematou desprazándose á costa portuguesa antes do verán e se move agora pola costa andaluza.
42,1% dos cetáceos que apareceron en bo estado para ser valorados, máis de 30% presentaban indicios de morte por captura accidental en faenas pesqueiras e mesmo algúns foron entregados a Rede de Varamentos para o seu estudo, no caso do golfiño común esta proporción ascende até 50%. Outros exemplares presentaban indicios de mortalidade a causa de enfermidades naturais.
Cambio de tendencia
"O forte incremento dos varamentos no verán nestes dous últimos anos amosa un cambio de tendencia de xeito que non se observa a estacionalización dos anos anteriores, con cumes de varamentos nos meses de inverno, sendo agora tamén moi alta a frecuencia de varamentos nos meses de xullo e agosto, o que fai pensar que se deban a outra causa que xa non é o mal tempo no mar, a pesar de que a maior parte das mortes está relacionada coas capturas accidentais", valoran o persoal técnico de Cemma.
Este cambio de tendencia, afirman, pode vir dado polo alto incremento da presenza dos golfiños comúns que se observa moi perto da costa e no interior das rías no verán, "o que ocasiona moitos varamentos de diferente tipo e provoca que non descenda o número de no verán, como era habitual noutros anos".
Entre as causas que manexan os expertos están as enfermidades e a morte de golfiños por esgotamento extremo, "pois chegan de lugares afastados extenuados e sen comer". Esta situación, conclúen, "fainos ver que se están producindo cambios moi rápidos no océano que os animais non son que de asimilar. A súa resiliencia é levada ao límite e moitos non son capaces de superar as dificultades".