Galiza rexistra refachos de vento de 146 km/h e acumulacións de máis de 53 litros por metro cadrado

Varias persoas intentan proxerse do vento e da chuvia cun paraugas durante o paso da borrasca. (Foto: Álvaro ballesteros / Nós Diario)
 xornada deste domingo será de transición cunha fronte que entrará nas últimas horas do día

O temporal deixou na Galiza durante esta xornada de sábado refachos de vento 146 quilómetros por hora e acumulacións de auga de máis de 53 litros por metro cadrado, segundo a información de Meteogaliza.

Así, o valor máis extremo de vento rexistrouse no municipio de Maceda; seguido de Malpica de Bergantiños, (100.5 km/h); e de Oia, onde se alcanzaron refachos de vento de 94.2 km/h.

En canto á choiva, a maior acumulación foi no municipio de Ribadumia con 53.6 litros por metro cadrado. En Poio alcanzáronse os 44.3 litros por metro cadrado e en Meis os 42.6 litros por metro cadrado.

A xornada deste domingo será de transición cunha fronte que entrará nas últimas horas do día. Por iso, haberá ceos nubrados, con choivas illadas e ocasionais na metade oeste durante a mañá.

Con todo, segundo Meteogaliza, co paso das horas as choivas intensificaranse pola franxa atlántica e estenderanse ao resto cara á noite.

Por outra parte, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantén activo o Plan Especial ante o risco de inundacións  (Inungal), pero reduciu a lista de ríos en vixilancia de máis de 20 a 12, entre os cales se sumaron o Miñor (Gondomar) e o Baltar (Sanxenxo) e xa non figura ningún de Lugo.