Galiza rexistra máis hospitalizacións por Covid que na primeira vaga da pandemia

Unha persoa é trasladada a un centro hospitalario contaxiada pola Covid-19. (Foto: Europa Press)

A cifra de novos positivos rexistrados foi de 1.402 nas últimas 24 horas.

Galiza rexistra esta segunda feira, 25 de xaneiro, a maior cifra de persoas hospitalizadas como consecuencia do coronavirus: 1.154. O anterior ‘pico, na primeira vaga da Covid, vivida durante a primavera, chegou a haber 1.124 hospitalizados, se ben daquela o número de ingresados en coidados intensivos era maior (178 pacientes) que agora (161).

Os pacientes hospitalizados aumentan no sete áreas sanitarias, coa da Coruña e Cee á cabeza, con 315 ingresados -deles 43 en UCI, catro máis que a xornada anterior-; a de Vigo, con 175 -21 deles en UCI, dous menos-; 168 na de Ourense, 12 deles en UCI -sen cambios-; 154 no distrito de Santiago e Barbanza -32 en UCI, tres máis-; 154 no de Ferrol -23 en UCI, dúas máis-; 122 no de Pontevedra e O Salnés, con 15 en UCI -igual que a xornada anterior- e 66 na de Lugo -deles 15 en UCI, catro máis-.

Hai 19.768 casos activos, o que supón 776 casos máis ca na xornada de onte e os 14 falecementos rexistrados o domingo elevan a cifra total de persoas mortas na pandemia a 1.622. Nos últimos 7 días houbo 110 falecidos.

Por áreas sanitarias, os casos activos aumentaron en todas. Así, a da Coruña sitúase con 5.225; seguida da de Vigo, con 3.542; mentres que na de Santiago hai 3.118; outros 2.761 na de Ourense; 1.818 na de Pontevedra; 1.731 no distrito de Lugo e 1.573 no de Ferrol.

Ademais, rexistráronse 1402 casos novos, dos cales 1.234 foron detectados por PCR. 

Entre tanto dato negativo, un positivo: a taxa de positividade baixou levemente e está en 11,1%.