16.720 doentes máis que hai unha semana

Galiza rexistra 62.693 casos activos de coronavirus

O avance da variante Ómicron está a provocar un importante aumento dos casos activos. (Imaxe: Europa Press).

A pandemia continúa disparada na Galiza. Segundo os dados ofrecidos polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) os casos activos marcan un novo máximo histórico con 62.693 doentes.

 

O aumento de casos activos na última semana é 16.720 persoas porén isto non ten repercutido de xeito proporcional na ocupación hospitalaria. Neste sentido, as autoridades significan que a presión sanitaria concéntrase nos centros de Atención Primaria.

Vigo lidera os casos activos

A área sanitaria de Vigo sitúase á cabeza dos casos activos con 13.745 doentes, colocándose a continuación a área sanitaria de da Coruña-Cee con 11.804 e seguíndoa de preto a área sanitaria de Santiago-A Barbanza con 11.472.

Os postos de cola están ocupados pola área sanitaria de Ferrol con 4.025 casos activos, á area sanitaria de Lugo, A Mariña, Monforte con 6.311, a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés con 7.530 e a área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras con 7.806.

A presión hospitalaria mantense na tendencia dos últimos días. Así, o Sergas confirma 51 doentes ingresados nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) da rede hospitalaria galega e 358 internados nas diferentes unidades de hospitalización das sete áreas sanitarias.

Recomendacións do Sergas

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da  Xunta da Galiza aconsellan á poboación adoptar as medidas de protección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

As autoridades sanitarias chaman a extremar a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano, preferentemente desbotábel. Neste sentido recomendan evitar  tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans

A Consellaría de Sanidade considera importante “procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións” e chama a manter “a distancia de seguridade e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello”.