Galiza rexistra 225 contaxiadas máis nun día e as pacientes en UCI baixan de 100

Hai 483 vítimas mortais. O número de altas segue a aumentar, con 37 máis que onte e xa suman 1.625.

Os casos positivos por coronavirus rexistrados na Galiza nas últimas 24 horas aumentan a 225 e suman xa 6.641. Un incremento superior ao da xornada anterior, cando o aumento en infectadas fora de 120. Os dados foron proporcionados polo conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuiña, durante a súa comparecencia na Deputación permanente do Parlamento.

Tamén aumenta o número de vítimas mortais, que se sitúa en 483. Os pacientes dados de alta son 1.625, o que é 37 máis que na xornada anterior.

Baixa a presión sobre as UCIs, que se sitúa por baixo das 100 ingresadas (96). As vítimas mortais son 483: 107 en residencias, 375 en hospitais e unha persoa que recibía atención hospitalaria a domicilio.

Relacionadas coas residencias, hai 1.367 casos de coronavirus, 978 de residentes e 389 de traballadores e traballadoras.