Galiza recupera a normalidade após Fien

Parque anegado en Castro de Rei, na comarca da Terra Chá (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Desactivado o plan de vialidade invernal e mellora na situación dos ríos.

Logo dunhas xornadas marcadas polos efectos do vento, que provocaron múltiples caídas de árbores durante os primeiros momentos do temporal, a chuvia e a neve, a Galiza vai recuperando a normalidade após o paso dos temporais Gérard e Fien.

Así o constatan a desactivación das alertas meteorolóxicas de nivel laranxa por nevaradas e, en consecuencia, do plan de vialidade invernal. 

Desactivado o plan de vialidade invernal

A remisión das nevadas dos dous últimos días supuxo a desactivación na mañá desta quinta do plan de vialidade invernal, que permanecía activo desde a pasada segunda feira.

Decidiuno a Delegación do Goberno español na Galiza logo da finalización do aviso amarelo por nevaradas comunicada pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), que deu esta quinta feira por concluído o peor do temporal de neve na Galiza.

Alerta laranxa na costa

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta da Galiza activou esta quinta fera unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral do norte e do noroeste do país.

Unha alerta que no día de hoxe a Aemet xa establecía de nivel amarelo, en toda a costa galega.

Mellora a situación do Tambre e do Miño

A alerta por risco de desbordamento mantense activa nun total de 17 ríos galegos. Aínda que poden chegar a darse desbordamentos puntuais, a situación de ríos como o Tambre e o Miño mellorou notablemente ao diminuír considerabelmente os seus caudais, pese a seguiren en alerta activa. 

Veciñanza de Begonte (A Terra Chá) afectada polos alagamentos desta semana recibirán por parte do concello unha axuda de 500 euros por vivenda.

Tres centros sen aulas

Pese á remisión das nevaradas e ao reestabelecemento do transporte escolar comunicado pola Consellaría de Educación a terza feira, 467 alumnas e alumnos non puideron asistir esta quinta feira ás aulas por mor do estado das estradas.

Concretamente, fican fechados tres colexios, nas comarcas da Fonsagrada, Os Ancares e Quiroga, comarcas nas que outros centros de ensino tiveron tamén problemas co transporte, xunto con algúns da comarca de Sarria.