Galiza recibe 268 millóns de euros dos fondos Covid

(Foto: Gadisa)
Na primeira repartición.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica esta cuarta feira a repartición definitiva entre os territorios dos primeiros 6.000 millóns do fondo Covid-19 creado polo Goberno español para facer fronte á incidencia orzamentaria derivada da crise, segundo informa a CRTVG.

As autonomías non terán que devolver ao Estado os cartos deste fondo, cuxa contía total ascende a un total de 16.000 millóns de euros, dos que os primeiros 6.000 deberán ser destinados a sufragar gastos de sanidade.

35% destes primeiros fondos, indica CRTVG, distribuíuse segundo a poboación protexida equivalente, 30% en función dos ingresos en UCI, 25 % polo número de hospitalizacións e o 10% restante segundo o número de probas PCR realizadas por cada unha das comunidades.

Ademais dos 6.000 millóns que comezarán a ser distribuídos xa entre as comunidades, o fondo Covid-19 inclúe outros 3.000 millóns para sanidade que serán repartidos en novembro, 2.000 para educación e 5.000 para paliar a perda de ingresos tributarios e no transporte.