Galiza principia a última semana con estado de alarma cun descenso de contaxios e 3.030 casos activos

Imaxe dun cribado para detectar casos de Covid-19 na área sanitaria de Santiago e Barbanza (Foto: Sergas)

Os pacientes Covid hospitalizados mantéñense en 214 e a taxa de positividade segue por baixo do 2%.

Galiza principia a última semana con estado de alarma en vigor debido á pandemia pola Covid-19 cun descenso dos novos contaxios a 103 e de casos activos até os 3.030, mentres que os pacientes hospitalizados mantéñense en 214.

Segundo os datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas deste domingo, baixan a 50 os pacientes Covid ingresados en UCI -un menos- e soben a 164 os que permanecen noutras unidades -un máis-, polo que segue un total de 214 hospitalizados.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas da Coruña e Cee, Vigo, Ourense e Lugo; mentres que aumenta nas de Ferrol, Santiago e Barbanza e Pontevedra e O Salnés.

En canto aos casos activos, após o lixeiro incremento deste domingo, volveron descender e sitúanse en 3.030, o que supón 76 menos, ao rexistrar máis altas (179) que contaxios (103) e non haber falecidos.

As infeccións activas redúcense en seis do sete áreas sanitaras: Vigo (-39); A Coruña e Cee (-15); Lugo (-14), Ferrol (-4), Ourense (-3) e Santiago e Barbanza (-1), mentres que na de Pontevedra e O Salnés mantéñense sen cambios.

Esta última semana co estado de alarma en vigor principia en Galiza cun descenso nos novos contaxios até os 103, tras se manter varios días a semana pasada por riba dos 200, e rexistrar 174 a xornada anterior.

Galiza confirmou, en concreto, 86 positivos por PCR nas últimas 24 horas, fronte aos 146 do día anterior. Do total, 27 corresponden á área da Coruña e Cee; 20 á de Vigo; outros 20, á de Pontevedra e O Salnés; 10, á de Santiago e Barbanza; cinco, á de Ourense; tres, á de Lugo; e un á de Ferrol.

Galicia rexistrou 2.390 persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19, ao non notificar novas vítimas esta fin de semana a Consellería de Sanidade.