Galiza pasa dos 2,7 millóns de habitantes debido á chegada de persoas estranxeiras

Mapa comarcal sobre o aumento e descenso da poboación. (Foto: Datos: IGE / Mapa: Nós Diario)
Os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística sinalan que Galiza supera os 2,7 millóns de habitantes, un aumento da poboación que ten, entre as causas, a chegada de poboación estranxeira. Na pirámide xeracional priman as persoas que están perto dos 50 anos. O aumento poboacional contrasta co récord de emigración rexistrado en todo o século: 36.704 persoas marcharon da Galiza en 2024.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou esta sexta feira os datos de poboación do primeiro semestre de 2025. Galiza incrementa a súa poboación en case 6.000 persoas, situándose a 1 de xullo con 2.720.738 habitantes, 0,22% máis, segundo estes datos provisionais. En termos interanuais, a poboación galega incrementouse en case 15.000 habitantes en 12 meses, 0,55% máis que en xullo de 2024, só por detrás de Euskadi e Cantabria. Mentres que o conxunto do Estado español medrou 1,06% durante o mesmo período.

Galiza recupera así uns datos de poboación que non manexaba desde comezos da década anterior despois de sufrir un descenso poboacional desde 2016 (cando había 2.771.650 residentes totais) até 2024 (2.698.830). Con todo, os 2.720.000 galegos e galegas deste primeiro semestre de 2025 quedan lonxe dos 2.800.320 cos que remataba a década dos anos 80. Aínda así, é o dato máis alto de poboación do que levamos de década. Detrás deste incremento está a poboación inmigrante. De acordo cos últimos datos Instituto Nacional de Estatística (INE) en 2024 chegaron 44.190 persoas do estranxeiro e 22.839 doutras comunidades do Estado (67.029 persoas de fóra da Galiza en total). O saldo migratorio recollido no IGE en 2023 é de 61.766, aumentando por tanto en máis de 2.000 en 2024. Entre as nacionalidades das persoas que chegaron á Galiza en 2024 destacan Venezuela (8.194), Colombia (5.830), Perú (3.848), Cuba (3.419), Brasil (2.184) e Arxentina (1.948).

 "Ultimamente o que estamos vendo é que na Galiza empezamos a ter un saldo migratorio positivo", destaca o economista e profesor da Universidade de Vigo Albino Prada.

Os expertos sinalan que “seguimos sendo un destino laboral apetecíbel para estas comunidades”, indica Rubén Lois, catedrático de Xeografía na Universidade de Santiago de Compostela.

Con todo, destaca Lois, “seguimos a ser un país moi envellecido”: 735.803 persoas teñen máis de 65 anos. Os grupos etarios máis numerosos concéntranse na faixa que inclúe persoas de 45 a 49 anos. Pola contra, o grupo de idade de nenos e nenas de entre 0 e 4 anos só ocupa 3% da poboación global, 74.684 crianzas. Mentres que os mozos e mozas entre 10 e 19 anos ocupan 8,8% do global.

67.029 persoas chegaron á Galiza no 2024 segundo datos do INE

Se miramos o índice de envellecemento da Galiza, o resultado é que por cada 100 mozos e mozas, hai un total de 257 persoas maiores. Na Galiza a xullo de 2025 había perto de 290.000 mozos e mozas menores de 14 anos e case 760.000 persoas maiores de 65. Se comparamos co Estado, a cifra é inferior, 160 persoas maiores por cada 100 mozos. Se atendemos ao sexo maioritario, este segue a ser o feminino con 1.409.937, fronte aos 1.310.801 homes.

A nivel comarcal, máis da metade da Galiza experimentou un aumento de poboación: 29 comarcas gañaron habitantes fronte ás 22 que rexistraron perdas. A que máis medrou en termos absolutos foi Ferrolterra, que sumou 2.228 persoas no primeiro semestre de 2025.

As comarcas do interior do país, como A Fonsagrada (-0,61%), Verín (-0,15%), Quiroga (-0,66%) ou A Terra de Trives (-0,62%) perden poboación, chegando a un descenso de até perto de -2% en comarcas como Viana ou O Deza (-1,09%). A maior parte do descenso prodúcese en zonas do interior de Lugo e Ourense.

Albino Prada atribué esta baixada a “que o saldo vexetativo é superior ao migratorio, é dicir, que morren máis persoas que aquelas que chegan do estranxeiro". Pola contra, chama a atención o incremento poboacional de zonas do rural galego como A Ulloa (4,11%), xunto con Allariz-Maceda (4,11%), sendo ambas as comarcas os territorios que máis poboación gañan desde xullo de 2024 até xullo de 2025 debido, sinala Rubén Lois, “á creación de industria local, de mercado local e unha idea de manter o rural vivo, no caso da Ulloa. A isto hai que engadirlle os prezos da vivenda que son moito máis económicos que os das urbes. No caso de Allariz-Maceda, sen dúbida, a creación de novas empresas”.

29 comarcas gañaron poboación e 22 perdérona

En canto ás comarcas do litoral, a meirande parte gaña poboación, como Bergantiños (+0,40%), A Coruña (+0,83%), aínda que sorprende o descenso en gran parte da Costa da Morte, como na Terra de Soneira na que descenden 3,4% de poboación, ou en Fisterra (-4,8%). Albino Prada destaca que “aquí o saldo migratorio é superior ao vexetativo", mentres que Lois destaca que “o turismo non permite crear novos postos de traballo máis alá da hostalaría”.

Datos por cidades

Seis das sete grandes cidades gañaron poboación no primeiro semestre do exercicio previo, destacando o caso de Ferrol, con 2.005 persoas máis (+3,09%) chegando ás 66.908 persoas. Só Pontevedra perdeu residentes, en concreto 75 habitantes, 0,09% menos (ten 83.264 habitantes). Tanto Compostela como Lugo superan a barreira dos 100.000 habitantes o que traerá consigo un novo escenario político nos gobernos locais, incrementando, por exemplo, o número de edís, que pasará dos 25 actuais aos 27. Con este incremento poboacional, Galiza conta xa con cinco cidades por enriba do 100.000 habitantes: A Coruña, Vigo, Lugo, Ourense e Compostela.

A emigración galega marca máximos históricos

As cifras de chegada de poboación estranxeira á Galiza contrastan coa da emigración galega. Esta marcou en 2024, último ano con cifras, máximos históricos. Os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) en decembro sinalan que nesa ano abandonaron Galiza 36.704 persoas, a cifra máis elevada do século. 20.244 marcharon cara ao Estado e 16.460 a outras partes do mundo. Son 487.297 galegos e galegas as que emigraron do país desde o ano 2009.

Segundo os expertos, o problema da Galiza non é un problema de natalidade, senón un problema de "éxodo migratorio dos que nacen aquí", destaca o economista Albino Prada. A solución para reverter esta situación é sinxela na teoría, mais complexa á hora de levala a cabo. "A situación reverterase cando sexamos capaces de xerar oportunidades de emprego dignas con traballos remunerados, estábeis e dignos", destaca Prada. Ao contrario, se non hai oportunidades de emprego dignas o resultado é que "a poboación vaise". Agora a pregunta que se formula é como se poden levar a cabo boas políticas de emprego. Pregunta que deberían de responder as administracións públicas.

Rubén Lois destaca tamén o problema do elevado prezo da vivenda.