Galiza mantense con menos de 2.000 casos activos de Covid-19 por segundo día consecutivo

Imaxe de arquivo de doutoras tratando a unha persoa por Covid-19. (Foto: Patricio Murphy / ZUMA Wire / Dpa)
A Consellaría de Sanidade contabiliza 1.851 casos activos de Covid-19 na Galiza, 84 deles hospitalizados. Asemade destaca que a taxa de positividades está por baixo do recomendado pola OMS para controlar a pandemia.
Os datos de casos activos de Covid-19 en territorio galego continúan en lixeiro descenso, até as 18:00 do sábado o número total era de 1.851, con 84 persoas hospitalizadas, segundo informou este domingo a Consellaría de Sanidade.

Este sábado a Galiza baixou dos 2.000 casos activos por primeira vez desde o 20 de agosto, a área sanitaria de Vigo mantense como a primeira en casos activos con 488, a da Coruña e Cee ten 333, a de Santiago 324, a de Lugo 240, a de Pontevedra, 212, e a de Ourense 158. Pola súa banda a área de Ferrol segue como a zona menos afectada con 94.

Os casos activos redúcense en todas as áreas sanitarias, mentres que no que atinxe á presión hospitalaria, as persoas ingresadas diminúen na área sanitaria de Lugo e aumentan na de Ferrol. Na de Vigo, Santiago, Ourense, Pontevedra e A Coruña mantéñense.

O venres faleceu a derradeira persoa por Covid-19 na Galiza, a 2.426 desde o comezo da pandemia

Ademais, a Consellaría tamén sinala que 163 persoas foron rexistradas como curadas desde o día anterior, acadando as 123.117.

Sanidade contabiliza desde marzo do ano pasado, 127.369 casos activos de Covid-19 no territorio galego, nese tempo salienta que fixeron 2.278.324, 3.585 dela onte, 2.000 menos que na sexta feira.

O organismo tamén destaca que a taxa de positividade actual é do 1,6% após caer ao 1,3% o día anterior e superar o 2% na xornada previa, con estas cifras mantense por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia da Covid-19.