Galiza inicia a semana con máis de 11.000 casos activos, o duplo que hai 7 días

Área de vacinación no recinto de ExpoCoruña coa campaña en persoas de 30 a 39 anos. (Foto: Nós Diario)
Os pacientes hospitalizados aumentan a 140 e a taxa de positividade mantense nun 13%

Galiza principia esta semana con 11.086 casos activos de Covid-19, que supoñen máis do duplo que hai sete días, e cun lixeiro descenso en novos contaxios a 975, após catro xornadas por riba do milleiro, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus aumentan a 140, que constitúen 18 máis, e a taxa de positividade mantense nun 13%.

Segundo os datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas do domingo, aumentan a 119 as persoas ingresadas en unidades convencionais pola Covid-19, que representan 19 máis que na xornada anterior, e baixan a 21 as que se atopan en UCI, unha menos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta nas sete, en maior medida na de Ferrol, que conta con catro pacientes Covid en UCI -un máis- e 10 noutras unidades -catro mais- e na de Vigo, que conta cun en críticos -un menos- e con 24 noutras unidades -catro máis-.

No inicio desta semana os casos activos ascenden a 11.086, que supoñen 723 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (975) que altas (252), polo que segue a tendencia ascendente nesta quinta onda por vixésimo sexto día consecutivo. Con respecto a hai sete días, as infeccións activas duplícanse, xa que o 12 de xullo había 5.058.

Por áreas sanitarias, os casos activos aumentan en todas, coa de Vigo á cabeza (+171); seguida da da Coruña (+168); Santiago e Barbanza (+106); Lugo (+87); Pontevedra e O Salnés (+82); Ourense (+66) e Ferrol (+43).

No relativo aos novos contaxios de Covid-19, após catro días por riba do milleiro, no arranque desta semana descenden a 975 en Galiza, o que supón 195 menos que a xornada anterior.

No conxunto da Galiza foron confirmados 963 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), que implican 254 menos que o día anterior, dos cales 224 corresponde á área de Vigo; 210, á da Coruña e Cee; 150, á de Pontevedra e O Salnés; 122, á de Santiago e Barbanza; 109, á de Ourense; 106, á de Lugo; e 42, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das PCR, mantense nun 13,5%, após alcanzar o domingo o 13,39%. Deste modo, continuamos por riba dese 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza desde o inicio da pandemia mantéñense en 2.442 ao non notificar Sanidade novos óbitos este domingo.