A Galiza gañaría entre 5.691 e 4.487 millóns ao ano cun réxime de concerto económico
Os datos da liquidación do sistema de financiamento de 2022, os últimos publicados, sinalan que o Estado succionou en termos netos á Galiza pola vía dos impostos 5.344 millóns de euros. Un novo traballo elaborado polo economista Xosé Díaz -presidente da Comisión de Economía do Parlamento da Galiza durante a V Lexislatura (1997-2001) e autor de ensaios como Autogoberno e Sistemas de financiamento (Laiovento, 2023)- conclúe que Galiza gañaría ao ano entre 5.691 e 4.487 millóns de euros cun sistema de concerto. As contas de 2022 son claras a respecto do que Galiza perde facendo parte do réxime común do sistema de financiamento.
Neste sentido, Xosé Díaz, tomando a última liquidación do mesmo, referida a 2022, indica que o Estado recadou no país en concepto de impostos 15.385 millóns de euros, mais só reintegrou 10.041 millóns, dos que 6.695 millóns proceden de ingresos tributarios e 3.346 millóns de transferencias do Estado. As cifras fornecidas polos economistas Santiago Lago e Xaquín Fernández Leiceaga no seu traballo O impacto económico para Galiza da extensión dos sistemas de concerto, publicado polo Foro Económico da Galiza o pasado 3 de outubro, conclúe que o Estado succionou á Galiza en 2022 impostos por unha contía por 4.815 millóns de euros. Segundo estes autores, o Estado recadou en tributos na Galiza 14.921 millóns de euros pero limitouse a reintegrar 10.106 millóns de euros.
Recadar os impostos
Un último traballo de Xosé Díaz, titulado Aspectos e consecuencias do sistema de financiamento propio galego, ao que tivo acceso Nós Diario, conclúe que a Galiza gañaría entre 5.691 e 4.487 millóns de euros ao ano contando cun sistema de concerto, que lle permitiría recadar todos os impostos e posteriormente liquidar ao Estado polos servizos que lle presta. A primeira das cifras xurde de aplicar á Galiza a cota fixada para Euskadi e a segunda de fixar unha ponderación atendendo ao menor desenvolvemento competencial do país. A determinación dunha achega para Galiza semellante á de Euskadi para financiar os servizos comúns incrementaría os ingresos galegos en 5.691 millóns de euros. Sendo os impostos soportados por Galiza de 15.385 millóns de euros e a succión total, non neta, dos impostos de 8.690 millóns de euros, a facenda galega debería achegar 1.531 millóns de euros para financiar o conxunto da Administración local do país e 1.468 millóns en concepto de cota ao Estado para sufragar os servizos que lles presta.
O custo da Administración local galega é
de 1.531 millóns de euros.
O estabelecemento dunha contribución para os servizos prestados polo Estado á Galiza superior á de Euskadi, incorporando os custos daquelas competencias que no caso vasco están transferidas e no caso galego non, incrementaría os ingresos galegos en 4.487 millóns de euros. Neste caso, a achega galega ao Estado para o financiamento dos servizos que lles presta sería de 2.672 millóns e de 1.531 millóns para cubrir os gastos do conxunto das institucións locais do país. As cifras de Díaz sobre a contribución da Galiza á cota total son diferentes ás ofrecidas por Lago e Leiceaga. Estes dous autores sinalan que o país perdería cun réxime de concerto entre 634 millóns de euros, no caso de só aplicarse a Catalunya, e 2.128 millóns de euros no suposto de estendelo a todas as comunidades do Estado.
Así, por exemplo, Lago e Leiceaga sinalan que Galiza debería achegar para a cota total 7.461 millóns de euros, mais non estabelecen ningunha contribución para Nafarroa e Euskadi.
Lago e Leiceaga rexeitan un modelo de concerto sinalando que “esta configuración é máis propia de estruturas confederais, como a Unión Europea, que de federacións; ou doutras épocas históricas anteriores á contemporánea”. Na mesma orientación, indican que “o sistema confederal resultaría un erro económico e político, ademais de abrir un debate innecesario”
Xosé Díaz sinala a Nós Diario que "a proposta de Santiago Lago e Xaquín Fernández Leiceaga atende a consideracións ideolóxicas e non se sustenta desde unha perspectiva científica”. Neste sentido, apunta que “isto nos proba que aquí estamos diante de simples actuacións políticas que tratan de fomentar a mantenta e de divulgar que este pobo non ten capacidade para se valer por si propio”. “Ningún nacionalista defendeu nunca a extensión do sistema de concerto a todas as comunidades do Estado, senón ás nacións”, precisa Díaz, quen lembra que “unha alternativa como a defendida por estes dous autores deixaría o Estado sen recursos tributarios ningún”. A cota fixada para Galiza e para o resto de comunidades no traballo de Lago e Fernández Leiceaga é obxecto das críticas de Díaz. Neste punto, destaca a “cota total como suma do invento de dúas cotas que terían que soportar as diferentes comunidades autónomas”.
A cota pagada por Euskadi ao Estado foi en 2022 de 1.476 millóns.
“Tomemos o caso de Euskadi, cunha cota real de 1.476 millóns de euros no ano 2022 que coa proposta de cota formulada no traballo do Foro Económico da Galiza”, explica Díaz, pasaría a achegar 7.896 millóns de euros, “derruíndo por completo o seu sistema de concerto que recoñece a propia Constitución española e a lei da metodoloxía do cálculo da cota”.
Un debate de fondo sobre o modelo do Estado
A escolla dun ou doutro sistema de financiamento determina o nivel do autogoberno. Mentres o sistema de concerto é propio dun sistema federal xenuíno ou confederal, o réxime común asóciase a un Estado centralizado onde as competencias fiscais mantéñense en mans da autoridade estatal. Neste sentido, trátase dunha discusión, esencialmente, de natureza política.
Os estudos sobre o sistema de financiamento na Galiza, non escapan a esa lóxica. Porén, algúns deles presentan coincidencias, que permiten fixar unha foto máis precisa sobre cuestións chaves. Así, por exemplo, os traballos de Xosé Díaz e de Santiago Lago e Xaquín Fernández Leiceaga evidencian unha succión dos impostos galegos por parte do Estado de entre 4.815 millóns de euros e 6.695 millóns de euros, o que demostraría as elevadas perdas que o actual sistema de financiamento xera á Galiza. Díaz e o Consello de Contas da Galiza amosan que o actual modelo de financiamento xera un déficit anual aos servizos públicos fundamentais, que pon en risco prestacións como a sanidade ou a educación. Neste caso, o primeiro fala dun furado de 22.188 millóns para o período 2009-2022 e o segundo dun déficit de 19.956 millóns para 2009-2021.