A Galiza gaña 25.738 persoas en 2023: rexistra un saldo migratorio positivo tanto do exterior como doutros territorios do Estado

Un dos migrantes que estiveron hospedados en Sanxenxo a finais de 2023. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
A maioría das persoas foron mulleres. Do total, 23.337 procedían do exterior e 2.401, doutras comunidades autónomas.

A Galiza rexistrou un saldo migratorio positivo de 25.738 persoas durante o ano 2023, das que 23.337 procedían do exterior e 2.401, doutras comunidades autónomas, segundo a Estatística de Migracións e Cambios de Residencia (EMCR) publicada esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Este dato é inferior ao de 2022, cando a comunidade galega contabilizou un saldo migratorio tamén positivo de máis de 27.000 cidadáns.

Deste xeito, a Galiza sitúase como o sexto territorio cun saldo migratorio xeneral máis positivo. Así, por encima dela están Madrid (134.079), Catalunya (121.633), País Valencià (113.129), Andalucía (60.385) e Canarias (31.598).

En concreto, todas as comunidades presentaron saldo migratorio positivo co exterior en 2023. Os maiores déronse na Comunidade de Madrid (150.469), Catalunya (126.804) e País Valencià (102.302). Pola contra, as comunidades con menor saldo migratorio co exterior foron A Rioxa (2.780), Cantabria (5.009) e Estremadura (5.735).

En canto aos saldos migratorios entre comunidades, os máis positivos déronse no País Valencià (10.827), Asturias (2.814) e Castela-A Mancha (2.689). Pola súa parte, Comunidade de Madrid (-16.390), Catalunya (-5.171) e Andalucía (-2.570) presentaron os saldos interiores máis negativos. A maioría das persoas que gañou a Galiza polo saldo migratorio en 2023 foron mulleres (13.583), fronte a un número de homes de 12.155.

Datos estatais

O saldo migratorio do Estado español co exterior (a diferenza entre immigracións e emigracións exteriores) foi positivo en 642.296 persoas en 2023. É o segundo maior saldo nos 10 últimos anos, por detrás do rexistrado en 2022.

O saldo migratorio dos estranxeiros co exterior ascendeu a 616.234 persoas en 2023. Por nacionalidades, destacaron a colombiana (141.492), a venezolana (74.029) e a marroquí (70.818). O saldo migratorio dos españois co exterior foi tamén positivo, ao contrario que en 2022. En concreto, foi de 26.062 entradas netas procedentes do exterior.