Social

Galiza eleva a 117 afectadas por coronavirus en residencias, 92 maiores e 25 traballadoras

Residencia San Carlos de Celanova en Ourense (Rosa Veiga / Europa Press).
A Consellaría de Política Social informou de dous novos falecementos, un na Residencia San Carlos de Celanova e outro no Fogar Bellolar da Coruña. 

Os casos positivos de coronavirus en residencias para a terceira idade na Galiza crecen até os 117 diagnósticos, sete máis que no último boletín oficial da pasada xornada ás 21 horas.

Segundo a Consellaría de Política Social esta quinta rexístranse até 92 maiores e 25 empregadas afectadas, uns números que aumentan en catro persoas usuarias e catro traballadores as cifras de onte.

As residencias nas que se coñeceron novos casos de COVID-19 nas últimas horas son as de DomusVi Barreiro de Vigo (cun total de 35 diagnósticos positivos, dous máis que onte), a residencia El Portazgo da Coruña (12, tres máis que onte), en Fogar Nosa Señora do Carmen en Fisterra (1) e en Nuestra Señora de Valvanera de Cambados (1).

Ademais, a Consellaría informou da morte de dúas persoas maiores que padecían esta enfermidade vírica, unha delas na Residencia San Carlos de Celanova (Ourense), que agora conta con 12 casos activos; e outra da Fogar Bellolar (A Coruña), que rexistra dúas persoas infectadas.

Os outros centros nos que se coñecen casos de persoas contaxiadas son: DomusVi San Lázaro de Santiago (15), DomusVi Cangas (4), Nuestra Señora de Fátima no Barco de Valdeorras (3), Nuestra Señora de la Esperanza en San Rosendo en Ourense (3) e un caso positivo en Nuestra Señora da Asunción en Caldas de Reis, Castro Caldelas, Viveiro e Carballo.

Aumentan as traballadoras que dan positivo

Por outra banda, tamén aumenta en número de afectados de persoal traballador. Agora son un total de 16 empregadas as que foron diagnosticados na residencia de Celanova, dous máis que na cuarta feira.

Igualmente, persoal da DomusVi de Barreiro (6), de Nuestra Señora de la Esperanza de Ourense (2) e da DomusVi San Lázaro tamén rexistra contaxiados.

En canto aos Centros de Atención para Persoas con Discapacidade (CAPD), estes tamén empezan a contabilizar os casos positivos en Aspronga, Redondela, Aixiña e Santa Cruz de Rosendo. Un total de 15 afectadas, á vez que tamén o están catro traballadoras, tres de Redondela e un da Vivenda Tutelada Ágora, de Monforte de Lemos.