Galiza condena na rúa a "guerra imperialista" e o rearme militar: "Defendemos a paz construída desde a xustiza social"

Concentración contra a guerra decorrida esta segunda feira en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
De Ferrol a Verín e de Viveiro á Guarda, Galiza pola Paz reivindicou unha paz duradeira baseada no dereito á vontade dos pobos.

Centos de persoas manifestáronse esta segunda feira nunha vintena de localidades galegas convocadas pola plataforma Galiza pola Paz. É o segundo chamamento destas características tras os ataques militares dos Estados Unidos e Israel contra o Irán, no marco dunhas "agresións sistemáticas" contra os pobos do Iraq, Libia, Siria, Gaza, Cuba ou o Iemen. A destrución, as inxerencias constantes, a presión política e económica, así como o xenocidio que continúa nos territorios palestinos ocupados requiren "unha resposta clara en defensa da paz e do dereito internacional".

"Estamos asistindo a unha ofensiva imperialista diante dos nosos ollos. Vémola todos os días e parece imparábel", comenta a Nós Diario Rafa Vilar, voceiro da plataforma Galiza pola Paz, quen non descarta a convocatoria dunha gran manifestación nacional en Compostela contra "a guerra imperialista".

"O que pasa en Irán está relacionado coa que pasou en Venezuela, coa que pasa aínda hoxe en Palestina, nun contexto no que todo o imperialismo se está rearmando en todos os sentido" e contaxiando a obriga de investir en gasto militar. "Tamén se está rearmando a Unión Europea, que está destinando cada vez máis cartos que serían para gasto social ao militarismo, armarse, rearmarse, e non precisamente para estar ao lado da xustiza social, ao lado do dereito de determinación dos pobos, senón para situarse xusto enfronte, é dicir, ao lado do imperio e do imperialismo que practican tanto o sionismo como os Estados Unidos".

Mobilización pola paz

Manifestantes nas sete cidades principais da Galiza e tamén en vilas como Viveiro, Verín, Ribeira, Monforte, A Estrada, Verín, A Guarda ou As Pontes rexeitaron o "cinismo" con que as oligarquías occidentais usan a palabra "paz" para lexitimar a súa dominación.

A paz que se reivindicou esta segunda feira en localidades cono Corcubión, Cangas, Vilagarcía de Arousa ou O Porriño "non é "unha paz abstracta nin neutral", afirman desde a plataforma convocante. "Nós entendemos que a sociedade ten que mobilizarse, ten que saír á rúa, ten que manter a exixencia, por riba de todo, da paz; da paz construída desde a xustiza social e desde o dereito á vontade dos pobos. Porque outra paz tampouco non é posíbel", asegura Vilar.

Galiza pola Paz condena a "escalada deliberada" que acrecentan Israel e os Estados Unidos ao tempo que exixe o cesamento inmediato de toda agresión militar, o recoñecemento pleno da soberanía dos pobos para determinar os seus propios camiños e o desmantelamento das lóxicas imperialistas que converten as relacións internacionais nun sistema de subordinación ou caos.

"Nós, dalgunha maneira, pretendemos concienciar, sensibilizar o pobo galego de que hai que saír á rúa, de que hai que mobilizarse, de que hai que dicir non", recalca Rafa Vilar. "E tamén temos que emprazar os nosos gobernos, o Goberno do Estado, o Goberno da Xunta, os diferentes gobernos europeos, para que saiban que ese non é o camiño. O camiño será a volta a diplomacia e a volta a todas as propostas de paz. Non pode ser máis guerra, máis militarismo, máis rearme e menos cos nosos cartos".

Neste sentido, a plataforma Galiza pola Paz aplaude a "reacción" do pobo galego que, tras amosar unha conciencia sólida e un compromiso sostido fronte ao xenocidio palestino, estende a súa denuncia contra o imperialismo e o seu impacto en Asia Occidental e  defende "un gran movemento en favor da paz como que houbo cando foi a guerra de Iraq".