Galiza comezou outono co setembro máis chuvioso no que vai de século

Unha muller tenta suxeitar o seu paraugas fronte á forza do vento na Coruña, nunha imaxe de arquivo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
As precipitacións foron 62% superiores ao normal.

A Galiza comezou o outono cun mes de setembro moi frío e que foi o máis chuvioso no que vai de século. As precipitacións rexistradas superaron en 62% os valores que habitualmente se recollen nesta época do ano.

Segundo o avance do último informe climatolóxico de Meteogalicia, a choiva media acumulada durante o mes de setembro foi de 143 litros por metro cadrado, o que supón que as choivas que se recolleron no conxunto da Galiza superaron os valores climáticos normais para setembro.

En canto á temperatura media, os valores dos termómetros estiveron moi por baixo do esperado e a anomalía media para este mes situouse en -1 grao centígrado. Tendo en conta os valores rexistrados nas estacións meteorolóxicas máis representativas, é en 2017 cando se atopa un setembro máis frío na Galiza.

Borrascas frías

O período caracterizouse pola chegada a Galiza de borrascas frías e activas para esta época do ano durante a primeira e última semana do mes, xa que aínda que as semanas intermedias foron máis secas e cálidas, non foron suficientes para compensar as anomalías coas que iniciou e finalizou setembro.

Así mesmo, foi un mes moi húmido en todo o territorio galego e estivo marcado polo río atmosférico que, entre o 25 e 26 de setembro, cruzou Galza e deixou grandes cantidades de auga. En referencia ás temperaturas, os datos reflicten que a temperatura media no mes de setembro situouse un grao por baixo do esperado para a época do ano, aínda que no caso das máximas houbo unha desviación de -1,5 graos.

En xeral, a temperatura media estivo no conxunto da Galiza por baixo do que se esperaba nesta época debido ao predominio de períodos fríos.