Galiza chega ao ecuador da semana cunha repunta de novos contaxios

Un sanitario prepara unha vacina da Covid-19. (Foto: Dominic Lipinski / PA Wire / Dpa)
Os casos activos soben lixeiramente a 3.061.

Galiza chega ao ecuador da semana na que decaerá o estado de alarma -o 9 de maio- cunha repunta nos novos contaxios de Covid-19 que soben a 189 -64 máis que a xornada anterior-, mentres que os pacientes hospitalizados descenden aos 200 -12 menos-. Pola súa banda, após dúas xornadas en descenso os casos activos aumentan lixeiramente a 3.061.

Segundo os datos actualizados na mañá desta cuarta feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta terza feira, recollidos por Europa Press, os pacientes Covid ingresados en UCI soben a 48 -1 máis-, mentres que os que permanecen noutras unidades descenden a 152, que supoñen 13 menos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en cinco das sete: A Coruña e Cee, Vigo, Lugo, Santiago e Barbanza e Pontevedra e O Salnés; mentres que aumenta na de Ferrol e mantense na de Ourense.

En canto aos casos activos de Covid-19, despois de dúas xornadas consecutivas en descenso aumentaron lixeiramente a 3.061, o que é 34 máis, ao haber máis contaxios (189) que altas (155).

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden lixeiramente en tres dassete: A Coruña e Cee (-2); Ferrol (-3) e Pontevedra e O Salnés (-5); mentres que soben nas outras catro: Ourense (+17), Vigo (+15), Lugo (+9) e Santiago e Barbanza (+3).

Os novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba repuntaron no ecuador da semana, que comezou con 103, até os 189, que supón 64 máis que os 125 rexistrados a xornada anterior.

Do total de positivos, 164 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, 58 máis que a xornada anterior, dos que 64 corresponden á área de Vigo; 23, á da Coruña e Cee; 22, á de Ourense; 20, á de Santiago e Barbanza; 19, á de Pontevedra e O Salnés; 11, á de Lugo; e cinco, á de Ferrol.

Galiza acumula 2.391 persoas falecidas diagnosticadas de Covid-19 desde o inicio da pandemia, sen cambios con respecto á xornada anterior ao non notificar a Consellería de Sanidade esta terza feira ningún novo falecemento.