Galiza celebra o seu Orgullo cunha chamada a "combater o fascismo"

Manifestación polo Día do Orgullo LGBT+ decorrida en Compostela en 2024. (Foto: Arxina)
Segundo os últimos datos do Observatorio Coruñés contra a lgbtifobia, relativos ao ano 2023, en toda Galiza rexistráronse 48 incidentes de odio relacionados co colectivo, dos que 43 foron agresións. Este sábado, convocadas por distintas asociacións, miles de persoas saen ás rúas para reivindicar o orgullo e a diversidade fronte ao "fascismo". Asociacións LGBT reclaman máis servizos e formación para as administracións.

Miles de persoas participan este sábado en toda Galiza nos actos convocados por distintas asociacións e colectivos para celebrar do Día Internacional do Orgullo LGBT+. Os últimos datos do Observatorio Coruñés contra a lgbtifobia –relativos ao ano 2023, previos á presentación este outono dos correspondentes a 2024– atenderon 48 incidentes de odio en toda Galiza, 43 deles considerados “agresións” tanto verbais como físicas ao colectivo LGBT+ galego. Aínda que a celebración deste ano está marcada polo 20 aniversario da aprobación do matrimonio igualitario en todo o Estado español, as asociacións que traballan no país centran as reivindicacións do colectivo na alerta polo avance dun fascismo "que nos ataca", explica Cris Estévez de Avante LGBT+ en conversa con Nós Diario, e tamén en espallar o “orgullo” fóra das grandes cidades, segundo Óscar Rodríguez, técnico de Alas A Coruña.

En Avante LGBT+, Cris Estévez, responsábel de prensa, enmarca a celebración deste ano do 28 de xuño nos “feitos” que están a decorrer no contexto global. “A nivel internacional estanse atacando os dereitos do colectivo”, sinala, lembrando que a manifestación deste sábado en Budapest (Hungría) foi prohibida polo presidente do país, o ultra Víktor Orban, ou os “ataques ás persoas trans” en Reino Unido e a “guerra aberta ao colectivo” de Donald Trump.

A Galiza, asegura Estévez, non está á marxe desta ameaza. Sinala que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, “vai loitar pola neutralidade ideolóxica” dos centros docentes do país, algo que asegura afectará aos dereitos LGBT+ “porque non queren falar de cousas que molestan”, di. Este sábado, nas rúas, Avante alertará do aumento das denuncias de agresións ao colectivo, e tamén do que "non se denuncia". "O medo ás consecuencias e ao que dirán, o cuestionamento das vítimas e os recursos económicos” están a ser unha traba para a defensa legal do colectivo, explica.

Advirten tamén desde Avante da “falta de formación que hai en todos os eidos públicos”. Sinala Cris Estévez que entre o persoal administrativo “que ten que xestionar as leis e os dereitos conquistados polo colectivo, non hai coñecemento e mesmo non saben como dirixirse" a estas persoas”. A modo de exemplo, sinala que no Sergas, en cada área sanitaria das sete que ten Galiza “temos xente con experiencias terríbeis e outros con experiencias magníficas”, por iso demandan desde Avante “formación e concienciación” no eido administrativo para evitar os casos que se están a producir de “violencia administrativa”.

"Unha lei obsoleta” e máis servizos para o rural

Alas A Coruña é outra das grandes asociacións do país en defensa dos dereitos do colectivo LGBT+. Un dos seus técnicos, Óscar Rodríguez, explica a Nós Diario que a reivindicación deste ano no 28 de xuño “é dobre”. Dun lado destaca a “importancia” do 20 aniversario da aprobación do matrimonio igualitario, “unha porta aberta a outros dereitos” alén dos recollidos na Lei LGBT+ estatal de 2023. Do outro, destacan tamén nas súas demandas que “o orgullo non pode ser monopolio das grandes cidades”, e reclaman unha cultura da diversidade e de calidade espallada por todo o país.

“Reivindicamos servizos públicos de calidade ás persoas LGTB+ no rural e nos concellos máis pequenos”, sinala Rodríguez. “Médicos de centros de saúde sensibilizados, bibliotecas e servizos públicos en xeral” que teñan en conta a diversidade. “Servizos públicos e de calidade para toda a cidadanía”. Así resume Rodríguez as reivindicacións de Alas A Coruña.

Ademais os colectivos explican que na Galiza "fomos pioneiros” coa lei LGBT+ de 2015, pero aseguran que esta lexislación galega está “obsoleta e baleira de contido” e de feito explican que “xa nin é coherente coa lei estatal de febreiro de 2023”. Un dos problemas da lei galega, sinala Rodríguez, é que “podes ter unha lei marabillosa pero se non hai orzamento para implementala non serve para nada”.

En todos os espazos

Alas A Coruña critica tamén a “banalización” por parte das institucións do colectivo LGBT+, a nivel galego e estatal, e tamén internacional en países como Bulgaria e Eslovaquia, “que teñen intentado limitar a educación en diversidade”.

En Cedeira (Ferrolterra) celebra o seu “segundo orgullo” a asociación Mestas. Ánxela Lema é a secretaria desta entidade LGBT+. Este sábado celebran un recital poético facendo fincapé na transfobia e tamén demandan “descentralizar o orgullo para que as reivindicacións ocupen todos os espazos”. En Mestas recoñecen que “queda moito por sachar” pero “pensando ao grande”, Ánxela Lema marca como obxectivo “abolir o xénero” e lembra Ana Romaní para reivindicar que “non queremos un sitio, queremos outro lugar”.

Crece a Lgbtifobia: o caso de Samuel Luiz

A asociación Alas A Coruña pasou un ano duro e reivindicativo a raíz do xuízo polo asasinato de Samuel Luíz na Coruña en xullo de 2021. Desde o colectivo consideran que están a exercer un “papel chave”, tanto no xuízo na Audiencia Provincial da Coruña como nos pasos que quedan por diante. Explica Óscar Rodríguez que “o proceso non rematou, pero seguimos aí”. Alas A Coruña, como acusación particular no caso de Samuel Luiz, tivo "un papel chave para demostrar que medra lgbtifobia”, sinalan, algo que quedou probado mesmo no recurso dos condenados diante do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). Agora desde a asociación Alas A Coruña agardan que no Tribunal Supremo “non cuestionen” ese agravante “probado” no TSXG.