Galiza conmemora o Día Internacional do Orgullo e reivindica os dereitos fronte ao odio
Colectivos, institucións e cidadanía conmemoraron este 28 de xuño o Día Internacional do Orgullo con actos na rúa, encontros, música en directo e declaracións públicas que chaman a integrar as políticas con perspectiva LGBTIQ+ no día a día das persoas.
É o caso do Concello de Santiago de Compostela que levou á praza do Obradoiro o acto central desta xornada reivindicativa e no que se deu lectura a unha declaración institucional por parte da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e membros de toda a corporación. Desta forma a cidade, a través dos seus representantes públicos, reafirmou o seu compromiso coas políticas que garantan unha perspectiva LGBTIQ+ interseccional e transversal en todas as áreas públicas municipais, especialmente en ámbitos como o da educación, mocidade, cultura, saúde, benestar social e urbanismo.
Tomaron a palabra Mercedes Rosón (non adscritos), Xan Duro (Compostela Aberta), Marta Abal (PSOE), Pilar Lueiro (BNG) e Borja Rubio (PP). A alcaldesa Goretti Sanmartín fechou a lectura destacando "o compromiso institucional do Concello de Santiago poñendo en valor que a entrada en funcionamento do Servizo de Asesoramento LGBTIQ+ na Casa das Mulleres Xohana Torres, consolidándose como un espazo de referencia na defensa da igualdade e dos dereitos do colectivo".
Tamén o Concello de Ames, na comarca de Compostela, conmemorou Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ con música, obradoiros e coa lectura do manifesto institucional no Paseo da Igualdade, no Milladoiro, no que as autoridades locais alertaron da "intensificación da violencia e o odio contra a comunidade LGTBIQ+" en todo o Estado, cunha crecente normalización de discursos discriminatorios que se traducen en agresións concretas. "As cifras evidencian a urxencia dunha actuación institucional e social para protexer este colectivo e garantir unha convivencia libre de odio", reivindicaron.
Tamén desde Vigo, o Bloque Nacionalista Galego Vigo chamou a consolidar os dereitos do colectivo e a combater a ameaza reaccionaria promovida pola dereita ultraespañolista. A fronte nacionalista esixe ao Concello medidas prácticas para reforzar Vigo como cidade diversa e inclusiva, "fronte á inacción do Goberno municipal e á oposición do PP na Xunta a propostas contra a LGBTfobia".
O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, revindicou o papel pioneiro da cidade olívica, onde hai 44 anos se celebrou a primeira manifestación LGBT de Galiza. "A loita LGBT atínxenos a todas e todos, con independencia da nosa identidade, porque é unha loita en favor da igualdade e en defensa de dereitos fundamentais", recalcou.
Ademais, a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou este sábado no festival "Celanova é Orgullo 2025" co que este municipio que vén de sumarse á rede de lugares 'Orgullosos' conmemorou o Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+. Quintiana puxo en valor esta iniciativa, que ten como obxectivo festexar a diversidade e promover espazos de convivencia e sensibilización. Neste sentido, fixo fincapé na importancia de que todos os axentes sociais sigan impulsando iniciativas como esta, que contribúan a dar viabilidade ás persoas LGBTIQ+, sobre todo no rural.
Na recta final da xornada Lugo, Ferrol, A Coruña, Compostela, Pontevedra e Vigo acollen as principais marchas do Orgullo que reclaman a implementación de políticas que protexan da violencia e garantan a non discriminación das persoas do colectivo LGBTIQ+.