Galiza, capital dos residuos de todo o Estado

O vertedoiro da Areosa, en Cerceda

Adega alerta dos pasos cara un novo vertedoiro nas Somozas e critica que a Xunta aposta en facer da Galiza “un enorme depósito de refugallos perigosos procedentes de todo o Estado”.

“Resulta paradoxal que mentres o tecido industrial galego esvaece, a Xunta segue teimando en converter a nosa terra nun enorme depósito de refugallos perigosos procedentes de todo o Estado. Un perfecto exemplo da “economía circular” que entende a Xunta: outros producen os bens, fican cos beneficios e marchan (Alcoa, Riotinto, Zeltia...) mentres Galiza "pecha o círculo" apandando cos refugallos”.

A reflexión faina a Asociación para a defensa ecolóxica da Galiza (Adega) a raíz da intención de construír un novo vertedoiro no noso país. Nesta caso, para acoller un millón de metros cúbicos e refugallos industriais no polígono industrial das Somozas. Neste parque empresarial, incide a organización ambiental, localízanse varias empresas xestoras de refugallos “que acumulan numerosas denuncias por verteduras, cheiros e incendios ocasionais”.

As instalacións para as que se solicita a AAI (Autorización Ambiental Integrada), incluido o novo vertedoiro, están destinadas ao procesamento e depósito de residuos industriais, “moitos deles tóxicos e perigosos”. A ubicación dun complexo industrial destas características na cabeceira da ZEC Ortigueira-Mera, afirma Adega, supón un alto risco para o medio ambiente e a saúde. Este elevado risco, “corroborado polas múltiplas infraccións que por verteduras, cheiros e emisións á atmosfera teñen xerado as empresas ubicadas no parque empresarial das Somozas, aumentaría coas intervencións proxectadas, ao facelo o movemento de residuos perigosos, as emisións á atmosfera e ao medio acuático derivadas do seu procesamento, e os propios riscos asociados ao depósito de máis de 1 millón de m3 de residuos potencialmente perigosos”.

“Chama tamén a atención que na documentación da solicitude non consta a elaboración dun estudo xeotécnico para este novo macro-vertedoiro como correspondería a unha instalación destas dimensións, capacidade e natureza dos residuos recepcionados”.

Refugallos do Prestige sen tratar

Adega tamén apunta á presenza dunhas 10.000 toneladas de refugallos do Prestige aínda sen procesar no recinto da empresa. Trátase de “trajes, envases, arenas, etc. depositados en la antigua balsa de aguas pluviales del DDS I [depósito de seguridade I]“ ao parecer “herdados” do anterior concesionario.

“Quizais o máis preocupante do sexa a intención non disimulada da concesionaria de depositar no novo vertedoiro arredor de 300.000 t de terras contaminadas con lindano. Este é un dos argumentos para optar pola construción dun novo depósito con maior capacidade”.