Galiza, baixo alerta por vento e temporal costeiro: ondas de até seis metros e chuvias intensas

Imaxe do radar de chuvia. (Foto: Nós Diario)

A corrente en chorro traerá de novo borrascas activas sobre o noroeste peninsular. A Xunta activa a alerta laranxa en A Coruña e Pontevedra.

Un sistema de baixas presións que afectará Galiza desde esta mesma terza feira. A borrasca non será moi profunda, pero situarase o bastante perto para provocar ventos intensos e mar moi alterado, ao comprimirse as isóbaras entre o anticiclón do leste e o centro depresionario do oeste.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou varios avisos por vento e choiva para as vindeiras 36 horas. Nas comarcas atlánticas e na montaña de Ourense haberá aviso amarelo por refachos de máis de 80 km/h, mentres que na costa a situación será máis severa: alerta laranxa por mar de vento e de fondo, con ondas que poderán superar os seis metros.

A Xunta da Galiza confirmou o aviso e decretou a suspensión das actividades deportivas do programa Xogade e das federadas nos municipios afectados. Na costa noroeste, a alerta estará activa entre as 9 horas da terza feira e as 5 horas da cuarta, e nas rías Baixas, entre as 12 horas da terza feira e as 10 horas da cuarta.

A fronte asociada á borrasca será tamén moi activa. As precipitacións máis intensas prevense que cheguen na madrugada e primeiras horas da cuarta feira, con acumulacións de até 60 litros por metro cadrado e até 15 litros nunha hora nos puntos máis afectados.

A quinta feira, o sistema avanzará cara ao oeste de Irlanda, deixando tras de si un día de chuvascos e descenso das temperaturas, con máximas por baixo dos 17 graos. A estabilidade durará pouco: unha nova borrasca atlántica chegará a sexta feira, con máis chuvias e vento especialmente no litoral oeste.

As autoridades insisten en que a poboación se manteña afastada da liña costeira, evite paseos marítimos e extreme a precaución nas actividades mariñas.