Galiza baixa dos 9.000 casos activos de Covid

Proba Covid. (Foto: Europa Press)
Os contaxios por Covid-19 na Galiza baixan do medio millar, mentres a presión hospitalaria e os casos activos seguen á baixa.

Tendencia á baixa na incidencia da Covid na Galiza. Segundo os datos facilitados este sábado pola Consellaría de Sanidade, as infeccións activas por covid baixan dos 9.000 casos, até situarse nos 8.953, após negativizarse 331 infeccións nas últimas 24 horas. Os novos contaxios tamén baixan, xa por baixo do medio millar ─452─ e a presión hospitalaria retoma a súa tendencia descendente, con 249 persoas hospitalizadas. A taxa de positividade sitúase no 7,36%.

A maior parte dos novos contaxios rexistráronse nas áreas sanitarias da Coruña, Santiago e Lugo. A área santiaguesa volve ser a que máis novos casos rexistra por terceiro día consecutivo, con 105 nas últimas 24 horas, seguida moi de preto pola coruñesa, con 103 infeccións novas. A de Lugo supera, tamén o centenar de casos, con 102 contagios novos, mentres que a de Vigo suma 51 casos; Ourense, 49; Pontevedra, 24, e a de Ferrol, 18.

As infeccións activas, pola súa banda, mantéñense por baixo da barreira dos 10.000 por cuarto día consecutivo, baixando incluso este sábado dos 9.000 casos. Así, após negativizarse 331 casos, sitúanse en 8.953. Respecto dos casos por áreas, Vigo encabeza a baixada unha vez máis, con 170 infeccións activas menos, co que queda con 1.773 casos.

Con todo, é a área coruñesa a que continúa liderando a relación de infeccións activas, con 2.384 após negativizarse na zona 146 casos. Pontevedra presenta 42 casos menos, con 689 infeccións en total, e en Ferrol se negativizan 18 casos ─642 en total─.

O lado negativo represéntano Santiago, Lugo e Ourense, onde soben as infeccións activas. A área lucense suma 15 casos activos máis ─1.437 en total─; a santiaguesa, 29 máis ─1.320 en total─; e a ourensá suma unha nova infección activa, co que queda con 708.

Presión hospitalaria

A tendencia á baixa que viñan reflectindo os datos publicados por Sanidade en canto a presión hospitalaria retómase este sábado, após estabilizarse a pasada sexta feira. Así, Galiza conta con 249 pacientes ingresadas, das que 55 están en UCI ─dúas menos─ e 194 en unidades convencionais ─23 menos─.

Por áreas, o maior número de pacientes graves segue na Coruña, con 16 casos en UCI (sen cambios). Os coruñeses contan ademais con 13 pacientes menos en unidades convencionais (50 en total). Ademais de en Coruña, a carga asistencial redúcese tamén na área de Vigo, cun ingresado menos en críticos (11 en total) e cinco menos en unidades convencionais (40).

O descenso na presión hospitalaria reflíctese ademais na área lucense que, aínda que mantén a tres acodes en coidados intensivos (sen cambios), rexistra cinco pacientes menos en planta (26); tamén na pontevedresa, que segue con cinco ingresados en críticos, pero conta con tres hospitalizados menos en unidades covid (14). A mesma liña segue Ourense, con nove camas ocupadas en UCI (sen cambios), pero catro pacientes menos en planta (22).

Doutra banda, a presión sobe nas áreas de Ferrol, con tres pacientes máis en planta (23 en total) e un máis en UCI (sete), e na de Santiago, que conta con dous pacientes menos en críticos (4), pero con catro camas máis ocupadas en unidades convencionais (19).