Galiza é a antepenúltima comunidade do Estado en investimento educativo

Alumnado nun centro de ensino de Primaria. (Foto:Arxina). (Foto: Arxina).

A Galiza é a terceira comunidade autónoma do Estado español cun menor investimento educativo. Segundo os datos que fixo públicos a pasada semana a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), o gasto educativo por habitante na Galiza ficou en 1.094 euros no ano 2024, 119 euros por baixo da media estatal, fixada en 1.213 euros por habitante.

 As cifras fornecidas pola Airef, organismo independente de control fiscal creado polo Goberno español a iniciativa da Comisión Europea, proceden da liquidación dos orzamentos de 2023 efectuada pola Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE)

A IXAE é o órgano de control interno do sector público estatal e centro directivo e xestor da contabilidade pública, dependente do Ministerio de Facenda do Goberno español.

O gasto educativo recollido na liquidación do IXAE contabiliza os fondos destinados pola Administración para financiar todos os servizos nos diferentes niveis nos que se articula o ensino.

A Airef sinala que só Asturias e Madrid invisten en educación menos que a Galiza. Así, a primeira das comunidades dedica ao ensino 1.035 euros por habitante ao ano. Pola súa banda, Madrid destina 1.072 euros por habitante ao ano.

Os custos reais do sistema educativo na Galiza

Os custos reais dos servizos educativos son máis reducidos en Asturias e Madrid que na Galiza, ao rexistrar un número moi inferior de núcleos de poboación e presentar unha realidade xeográfica cunha menor dispersión territorial.

A Xunta da Galiza cifra en 800 millóns de euros anuais o sobrecusto xerado pola dispersión na prestación dos servizos básicos, correspondéndose o 29,5% desa contía coa educación.