Galiza administrou case 75.000 vacinas desde o día 9 e atinxe 23% da poboación diana cunha dose

Área de vacinación no Ifevi. (Foto: Europa Press)

A cifra de persoas que recibiron polo menos unha dose sitúase xa nas 732.689.

 

O persoal sanitario galego administrou entre a sexta feira e o domingo da pasada semana case 75.000 vacinas contra a covid-19, co que a cifra de persoas que recibiron polo menos unha dose sitúase xa nas 732.689.

Grazas ás vacinacións masivas tanto con Pfizer como con AstraZeneca que tiveron lugar ao longo da semana pasada, Galicia administrou xa o 93,2% das doses recibidas, á espera de que esta terza feira chegue unha nova remesa. A cifra é, así, superior á media nacional, que se sitúa no 89,9% das doses administradas.

E supón dar a volta á tendencia destas semanas, nas que Galiza ía por detrás da media estatal en canto a ritmo de vacinación

Segundo o informe publicado esta segunda feira polo Ministerio de Sanidade, entre a sexta feira e o domingo administráronse en Galiza 74.912 vacinas contra o coronavirus. A cifra total de persoas que recibiron polo menos unha dose é xa de 732.686 e a poboación coa pauta completa é de 186.056 (613 máis na quinta feira).

Segundo os datos actualizados a domingo, Galiza ten vacinada con polo menos unha dose o 23,1% da poboación obxectivo, e o 7,9% coa pauta completa.

Por grupos de idade, contan polo menos cunha dose de vacina contra a covid-19 o 92,5% dos maiores de 80 anos, o 29,6% dos de 70 a 79 anos, o 23,8% dos de 60 a 69 anos, o 15,5% dos de 50 a 59 anos e o 10,6% dos de 25 a 49 anos.

Con pauta completa están o 43,5% dos maiores de 80 anos, o 1,6% dos de 70 a 79, o 4,5% dos de 60 a 69 e o 5,8% dos de 50 a 59. Tanto a taxa de poboación cunha dose como con dúas está por encima da media nacional.

Vacinacións para os vindeiros días

No relativo á información trasladada polas áreas sanitarias galegas de cara aos próximos días, fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) indicaron que na de Ourense, Verín e O Barco esta terza e cuarta feira seguirase vacinando en grandes espazos, en concreto, en Expourense, no Hospital de Verín, e no Hospital de Valdeorras.

En concreto, en xornadas de mañá e tarde, vacinarase con dose de Pfizer a persoas de entre 75 e 79 anos, 750 delas en Verín, 700 en Ou Barco e 5.600 en Expourense.

Ademais, vacinarase a 5.148 maiores de 80 anos -segundas doses e repescas da primeira- e a membros de colectivos esenciais -principalmente sanitarios, inmobilizados, etc., tamén en repesca- nos distintos centros de saúde e o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuo).

Vigo

Na área Sanitaria de Vigo, entre esta terza e cuarta feira citouse a 9.500 persoas de entre 75 e 79 anos. Ademais, esta segunda feira empezouse a vacinar no Hospital Álvaro Cunqueiro a grupos de pacientes de risco, empezando polos que se atopan en diálises, após o que irán pacientes transplantados, oncolóxicos hematolóxicos e oncolóxicos metastásicos.

Esta actividade dá continuidade á vacinación realizada a pasada fin de semana no Instituto Feiral de Vigo, na que foron chamadas a participar 34.200 persoas e acudiron a vacinarse máis de 27.900 (un 81,6 %), 12.833 de entre 60 e 65 anos e 15.098 de entre 75 e 79.

Finalmente, en canto ao cribado poboacional de Cangas realizado o pasado sábado, fontes do Sergas indicaron que das 4.000 persoas citadas para realizar unha proba PCR no pavillón de Rodeira, acudiron 2.208 persoas (un 55,2 %), e foron detectados catro positivos.

Ferrol

Na área Sanitaria de Ferrol, a previsión é que entre esta segunda feira e a cuarta adminístrense ao redor de 5.600 vacinas no recinto feiral de Ferrol (Fimo). Do total, 2.000 persoas de entre 60 e 65 anos están a ser vacinadas este luns con dose de AstraZeneca.

Após iso, terza e cuarta feira serán vacinadas outras 3.600 persoas de 75 a 79 anos de idade coa vacina de Pfizer. Unha vez finalizada cada xornada, chamarase aos non asistentes para citalos nos seguintes días dispoñíbeis.