Galiza adianta á media do Estado español con máis do 75% da poboación inmunizada fronte á Covid

Colas para a vacinación na Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press)

Após o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) transcendeu que o 71,2% da poboación española maior de 12 anos ten a pauta completa dos fármacos contra o coronavirus, unha cifra media un pouco inferior á galega. A ministra de Sanidade, Carolina Darias, alude a chegada de novas doses, algo positivo para “abrir a vacinación” e reducir os riscos da pandemia.

O 71,2% da poboación española que supera os 12 anos de idade dispón da pauta completa de inmunización fronte ao coronavirus e perto do 83% recibiu polo menos unha picada. No caso da Galiza, a vacinación total xa chega ao 75,4% da cidadanía considerada diana. Así se extrae do último informe de vacinación, do que falou esta cuarta feira a ministra de Sanidade, Carolina Darias.

Xa durante o decorrer dunha nova reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), a representante do Estado aludiu ao “fantástico traballo realizado por todos os que conforman o Sistema Nacional de Saúde” para explicar as cifras.

Mentres Darias anunciaba a chegada de 4,7 millóns de doses de distintas vacinas esta mesma semana -3,4 de Pfizer e 1,3 de Moderna-, algúns territorios destacaron a súa decisión de adiantar a inoculación dos tratamentos en persoas que xa pasaron pola enfermidade e que, inicialmente, estaban previstos para despois de seis meses de superar a enfermidade.

Neste contexto, a responsábel do Ministerio invitou ás representantes a abrir puntos sen cita previa, ampliar as autocitas e incentivar a vacinación en xeral.

Desde o seu punto de vista, superar as metas de vacinación en todas as franxas de idade é "chave" para reducir os riscos de novas ondas epidémicas e que neste momento, que hai maior dispoñibilidade de vacinas, "abrir a vacinación de maneira extensiva contribúe a avanzar nese proceso".

Porén, na reunión desta cuarta feira non só se falou de vacina senón tamén da situación epidemiolóxica actual, que tivo un “descenso estábel e progresivo do número de casos notificados diariamente”.

Descenso pero reducido

"A evolución descendente observada presenta un panorama favorábel, pero a pesar diso, as incidencias seguen sendo altas, o que leva ocupacións elevadas tanto en hospitalización xeral (7,8%) coma en Unidades de Coidados Intensivos (20,7%), aínda que se observa un suave descenso nestes datos respecto a semana pasada", advertiu o Ministerio de Sanidade.

Na Galiza está previsto que a vacinación da mocidade entre 14 e 16 anos comece a semana próxima, o que podería mellorar a evolución da Covid a medio prazo.