Investigación pioneira: Galiza acolle o primeiro transplante en porcos de riles modificados con organoides renais humanos
O procedemento, realizado no Hospital Teresa Herrera da Coruña, marca un fito mundial na medicina rexenerativa e personalizada. O estudo foi publicado na revista Nature Biomedical Engineering.
Un equipo internacional de investigación liderado polo Institut de Bioenginyeria de Catalunya (IBEC), en colaboración co Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), realizou no Centro Tecnolóxico de Formación do Hospital Teresa Herrera (CHUAC) da Coruña o primeiro transplante nun porco de riles modificados con organoides renais humanos.
O traballo, publicado na prestixiosa revista Nature Biomedical Engineering, representa un avance sen precedentes no campo da medicina rexenerativa e personalizada, ao combinar biotecnoloxía celular humana e órganos animais vivos.
A investigación foi dirixida pola actual conselleira de Investigación e Universidades da Generalitat de Catalunya, Núria Montserrat, quen desenvolveu este proxecto durante a súa etapa como investigadora principal no IBEC. Trátase do resultado de máis dunha década de investigación en bioenxeñaría e terapia celular, centrada na rexeneración e reparación de órganos.
Organoides humanos integrados en riles porcinos
O equipo científico conseguiu combinar por primeira vez organoides renais humanos con riles de porco vivos, mantidos fóra do corpo mediante máquinas de perfusión normotérmica, un dispositivo que conserva o órgano oxixenado e funcional antes dun transplante.
Durante o proceso, os investigadores introduciron organoides humanos dentro dos riles porcinos e monitorizaron en tempo real a súa integración e función. Tras 24 e 48 horas, comprobaron que os organoides seguían sendo viábeis, integrados no tecido renal e sen provocar resposta inmune significativa.
Segundo Montserrat, o éxito do experimento demostra que a combinación das tecnoloxías de organoides e perfusión ex vivo permite realizar "intervencións celulares en condicións totalmente controladas", un paso esencial cara á rexeneración de órganos antes do transplante.
"O obxectivo a longo prazo é poder reparar ou mellorar órganos humanos antes de seren implantados. Isto podería reducir as listas de espera e aumentar o número de órganos viábeis", sinala a investigadora.
Cara a unha nova xeración de transplantes
Os organoides renais humanos son estruturas tridimensionais cultivadas a partir de células nai humanas que reproducen parte das funcións dun ril. O novo método desenvolvido polo IBEC permite producir miles destes organoides de forma controlada, rápida e precisa, sen compoñentes complexos, o que abre a porta a aplicacións médicas e farmacolóxicas.
A metodoloxía podería permitir no futuro "tratar" os órganos destinados a transplante antes de seren implantados, prolongando a súa vida útil e reducindo o risco de rexeitamento.
O estudo contou coa colaboración de grupos de investigación internacionais e co apoio técnico do Inibic e do Centro Tecnolóxico de Formación do Hospital Teresa Herrera, convertendo A Coruña nun dos epicentros europeos da investigación en transplantes e medicina rexenerativa.