Galiza volve rexistrar máis de 400 positivos nun día e incrementa a cifra de hospitalizados

Unha farmacéutica amosa distintos tipos de máscaras (foto: Raquel C. Pérez)

A taxa de positividade das PCR realizadas aumenta ao 7,8%

Galiza rexistrou un novo incremento dos casos activos de coronavirus, até os 5.680, tras detectar máis de 400 novos positivos por  PCR nun día no que, ademais, incrementouse o número de pacientes ingresados nos hospitais.

En concreto, segundo os datos publicados pola Consellería de  Sanidade, con cifras até as 18:00 horas da cuarta feira, Galiza detectou a través de probas PCR 438 positivos en Covid-19, tres menos que a xornada anterior.

Con todo, os casos activos situáronse nos 5.680, o que supón 55 máis que no último balance e unha tendencia que foi crecendo nos últimos días.

Ademais, segundo reflicte esta información, tamén creceu a cifra de persoas hospitalizadas, que acada as 351, 14 máis que o día anterior. Os ingresados en UCI, con todo, mantéñense en 55.

En concreto, a área sanitaria con máis pacientes Covid ingresados é A Coruña, que se mantén con 89 enfermos hospitalizados e 18 en UCI, un menos que o día anterior

A taxa de positividade elevouse desde o 6,5 ata o 7,8% das probas.

A Coruña e Cee volve ser, unha xornada máis, a área sanitaria con maior número de novos positivos, con 115 (-3), seguida da de Santiago-Barbanza, que identificou 89 casos de  Covid por  PCR, 14 menos que a xornada anterior.

A área de Vigo, pola súa banda, reporta 78 positivos (+5); a de Ourense-Verín-O Barco 60; e a de Lugo-A Mariña-Monforte 45 (-5). Por baixo dos 30 novos positivos están Pontevedra, con 25 (-23) e Ferrol, con 26 (+13).

Doutra banda, as vítimas mortais que deixou a pandemia desde o seu inicio na Galiza ascenden a 1.397, sete delas comunicadas na última xornada.