Galiza detecta unha repunta de casos Covid, con 150 hospitalizacións, aínda que se manteñen en "valores baixos"
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) detectou en semanas pasadas unha repunta de casos de Covid-19 a través das consultas de atención primaria, con sobrecargas puntuais nalgúns servizos de Urxencias, aínda que se manteñen "en valores relativamente baixos en comparación con outros momentos da tempada".
Os datos da pasada semana —até o domingo, 19 de maio— que manexa a Consellaría de Sanidade sitúan a taxa de ingreso no conxunto da poboación galega nas 3,6 hospitalizacións por cada 100.000 habitantes. Ademais, as cifras oficiais de Covid da web do Sergas recollen que hai case un milleiro de casos activos rexistrados até a tarde desta quinta feira.
En concreto, hai 964 pacientes con coronavirus confirmado, dos cales 150 requiren ingreso nos hospitais públicos galegos, catro deles na unidade de coidados intensivos (UCI). Só no último día notificáronse 102 novos casos confirmados.
A área sanitaria que lidera os positivos Covid en activo é a de Lugo-A Mariña-Monforte, cun total de 251 rexistrados, con 37 hospitalizados. A segunda é a da Coruña-Cee, cun total de 188 infectados e 24 ingresos.
En Santiago-O Barbanza, son 162 os casos activos, dos cales 28 están hospitalizados. Na área de Vigo tamén hai máis dun centenar de contaxiados rexistrados; concretamente 101, con 11 pacientes que requiren ingreso.
Mentres tanto, na área de Ferrol hai 99 positivos en Covid-19, con 17 hospitalizados; na de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 82 infeccións e 16 ingresados, e na de Pontevedra-O Salnés, 81 casos activos e 17 hospitalizados.
Aliás, a taxa de positividade das probas que se practican no Sergas leva semanas nunha curva ascendente e aproxímase xa ao 20%.