Medios

O 'Galeusca de directores' analiza en Donostia os desafíos do xornalismo

De esquerda a dereita, Vicent Partal, Martxelo Otamendi e María Obelleiro. (Foto: Jon Urbe / Foku)
Debate con María Obelleiro, Vicent Partal e Martxelo Otamendi.

A directora de Nós Diario, María Obelleiro, participou esta cuarta feira en Donostia no foro de debates organizado polo xornal Berria no marco da celebración do 20 aniversario deste diario en éuscaro. Obelleiro compartiu mesa cos directores de VilaWeb, Vicent Partal, e do vasco Berria, Martxelo Otamendi, nun encontro titulado 'Galeusca de directores' —en alusión á colaboración semanal entre a dirección destes tres medios— no que abordaron a situación da profesión e dos retos e desafíos aos que se enfronta.

O acto desta xornada, que decorreu no salón da ONCE da cidade donostiarra, foi a última intervención de Otamendi como director do medio vasco —nado das raíces do Euskaldunon Egunkaria. O xornalista vasco xubílase e pasa o relevo da dirección a Amagoia Mujika, até o de agora subdirectora de Berria.

Os tres directores falaron do modelo de xornalismo dos seus respectivos medios, así como os desafíos que afrontan os proxectos que teñen o financiamento en base a persoas subscritoras e que se publican nunha lingua 'minorizada'.

Na súa intervención, María Obelleiro subliñou a "importancia" de contar con medios como Nós, Berria ou VilaWeb, que practican un xornalismo "sen mordazas, redes clientelares ou ordes dos gobernos" e utilizan as linguas propias "grazas ás achegas das persoas subscritoras", sen as que "isto non sería posíbel".

Tamén informou aoa asistentes ao acto en Euskal Herria da exclusión total que padece Nós Diario na liña de subvencións á prensa que a Xunta da Galiza outorga cada ano. "Molestamos, queren que desaparezamos".

Intervención de María Obelleiro durante o debate.

Vetos e independencia informativa

Neste sentido, Obelleiro abordou o sistema de comunicación actual na Galiza, altamente dependente do diñeiro público, o que xera unha "dependencia". A directora do diario galego tamén avanzou que, pasado o verán e co gallo da publicación do número 1.000 do Nós Diario, haberá unha ambiciosa campaña para conseguir novos apoios a un proxecto que a partir dun diario en papel, (Nós), un semanario (Sermos Galiza) e unha edición dixital (nosdiario.gal) "fai xornalismo, informa e faino na lingua propia da Galiza".

Pola súa parte, Vicent Partal, director de Vilaweb, explicou o nacemento deste medio dixital, que —a diferenza de Nós Diario e Berria— non ten edición en papel. "Somos o dixital en activo máis antigo de Europa, nacemos en 1995", dixo Partal, que explicou que decidiran pór en andamento este proxecto de comunicación ante o "mal sabor de boca que tiñamos co xornalismo que se facía no noso país".

En 2004 dan un salto importante, explicou o director de Vilaweb, cando deciden apelar a sociedade catalá para se dotar dun corpo de subscritores e subscritoras. "Hoxe en día somos máis de 24.000", concluíu.

20 anos de vida

Otamendi lembrou esta cuarta feira que Berria fai vinte anos o próximo 21 de xuño, un aniversario "especial" que levou ao medio en éuscaro  a organizar unha serie de actividades, como o encontro entre directores de medios. Puxo de relevo Martxelo a importancia de Berria e Nós Diario por ser —a diferenza do que pasa en Catalunya— os únicos medios en papel en lingua propia.