Os galegos son os segundos do Estado que menos riscan o cadro da igrexa na declaración da renda

Só 26% das persoas que fan a declaración da renda en Galiza optan por financiar a igrexa católica, 7 puntos por baixo da media española. 

Apenas un de cada catro galegos que fan a declaración da renda poñen o X no cadro correspondente para autorizar que 0,7% da súa factura fiscal vaia para a igrexa católica. Un cadro que riscaron 26% das persoas que presentaron a declaración en Galiza, unha porcentaxe que é 7 puntos inferior á media española, que se sitúa en 33,5 por cento. De feito, Galiza é o segundo territorio do estado español onde menos porcentaxe de contribuíntes autoriza que parte da súa declaración se destine á igrexa católica. Só Catalunya, con 19,27%, ten ratios máis baixos que Galiza, segundo os dados da propia Conferencia Episcopal.

 

No outro estremo sitúase A Rioxa, onde 45% das persoas que elixen que parte do seu IRPF vaia para a institución relixiosa. Estremadura, Castela A Mancha, Murcia, Castela-León superan 40% dos declarantes que riscan cun X os cadros para a igrexa.

 

Nese 26% de galegos que optan por destinar 0,7% da súa factura fiscal á igrexa católica englóbase tanto a aqueles que poñen o X no cadro da igrexa católica como os que riscan as dúas opcións, é dicir, que elixen que parte do seu IRPF vaia a esa institución relixiosa e tamén a entidades de fines sociais.

 

Os bispos ingresan por volta de 257 millóns de euros anuais neste concepto. A Conferencia episcopal destina anualmente uns 4 millóns de euros á campaña de propaganda para promover que as persoas declarantes no IRPF marquen o X no cadro da igrexa.