Os galegos coa pauta completa de vacinación superan xa a suma dos habitantes de Vigo, A Coruña e Ourense

Vista de Vigo

O 28,5% da poboación a vacinar no conxunto da Galiza xa finalizou o proceso, 672.243 persoas. Máis do 51% da poboación galega a vacinar recibiu polo menos unha dose.

Galiza suma 3.772 persoas inmunizadas contra a Covid-19 após alcanzar as 672.243 con pauta completa despois das 3.780 doses administradas este domingo. Iso supón que o 28,5% da poboación a vacinar no conxunto da Galiza xa finalizou o proceso. Isto supón que na Galiza xa hai máis persoas coa pauta completa de vacinación que os habitantes xuntos das tres principais cidades galegas: Vigo (295.000 habitantes), A Coruña (247.000) e Ourense, con 105.000. Entre as tres suman por volta de 647.000.

Así se reflicte nos datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até o peche da xornada de vacinación do domingo, recollidos por Europa Press, nos que se indican que se administraron 1.855.918 doses, que supoñen 3.780 máis que a xornada anterior, o 97,57% das 1.902.035 recibidas por Galiza até o momento.

Diso dedúcese que a xornada deste domingo estivo dedicada a completar pautas entre os galegos chamados a vacinar -que alcanzan o 28,45%-. No conxunto de Galiza o 51,1% desta poboación recibiu polo menos unha dose até a data.

Por grupos de poboación vacinados por condición de vulnerabilidade, administrouse polo menos unha dose a 13.899 persoas de alto risco e 12.386 completaron a pauta; mentres que 17.664 dependentes non institucionalizados recibiron polo menos unha dose e 16.122 contan coa pauta completa. Todos eles sen cambios. Así mesmo, 23.802 persoas institucionalizadas recibiron polo menos unha dose e a 23.200 finalizaron o proceso, neste caso tamén sen cambios.

Entre os vacinados por probabilidade de exposición, 75.106 traballadores do ámbito sanitario recibiron polo menos a primeira dose e 59.752 completaron o proceso (+1.000). Ademais, administrouse polo menos a primeira inxección a 29.027 profesionais do ámbito sociosanitario e 21.136 contan coa pauta completa (+466).

Tamén recibiron polo menos unha dose da vacina contra a Covid 65.116 traballadores esenciais e 2.469 completaron o proceso (+38).

En canto ás persoas que se vacinaron pola súa idade, hai 982.871 galegos aos que se administrou polo menos unha dose (+2.272) e 537.178 contan coa pauta completa (+2.268).