O fume do incendio de Pantón cobre Ourense e provoca decenas de chamadas aos bombeiros
O lume rexistrado na zona da Ribeira Sacra xerou unha densa columna de fume que se estendeu até o concello de Ourense, o que supuxo decenas de avisos á Policía Local e aos Bombeiros. O incendio arrasou xa 700 hectáreas, segundo os últimos datos facilitados por Medio Rural.
Un incendio forestal en Pantón (Terra de Lemos), na Ribeira Sacra, provocou esta sexta feira que unha gran cantidade de fume cubrise a cidade de Ourense, a máis de 30 quilómetros, xerando alarma entre a veciñanza. Foron decenas as chamadas rexistradas á Policía Local e ao corpo de Bombeiros alertando da presenza do fume, visibilidade reducida e malos olores nas vías públicas.
As autoridades mobilizáronse para avaliar o risco, verificar a calidade do aire e atender as veciñas e veciños que requirían información ou necesitaban asistencia por irritacións ou dificultades respiratorias. E é que a calidade do aire foi empeorando ao longo da xornada e nestes momentos está cualificada por MeteoGaliza como "mala", segundo os datos rexistrados na estación de Gómez Franqueira.
O concello de Ourense, en coordinación coa Xunta da Galiza, está a pedir prudencia á poboación: recoméndase evitar permanecer en exteriores mentres non mellore a calidade do aire, fechar ventás, non facer exercicio físico ao aire libre, e protexerse se se padece enfermidade respiratoria previa.
Tamén alcaldías de municipios adxacentes a Pantón, onde xa arderon máis de 700 hectáreas, ratificaron a presenza de fume, con turistas e veciños que empezan a utilizar máscaras para evitar o cheiro en municipios como Nogueira de Ramuín (comarca de Ourense), pero non temen a chegada das chamas.
Máscaras e "nerviosismo"
Entre eles, o alcalde de Parada do Sil (Terra de Caldelas), Aquilino Domínguez, afirmou que o municipio está xa "afectado polo fume", con veciños "asustados" e "nerviosos", pero asegurou que é "complicado" que cheguen as chamas porque o lume "aínda ten que pasar o canón".
Domínguez destacou que "coa climatoloxía actual non é fácil que chegue o incendio" a Parada do Sil, aínda que "non é imposíbel", e lamentou un lume "intencionado" que se orixinou nunha zona de "difícil acceso" na que "parece que o único bombeiro eficaz é a choiva". "O monte non arde se non se lle prende lume", engadiu.
Nesta liña, tamén o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé (PSdeG), confirmou que o incendio "non ten consecuencias, nin é previsíbel que as teña" no municipio, porque "para chegar tería que saltar o casco de Pantón" e "zonas de prados" con pouca matogueira.
En Carballedo (comarca de Chantada), "o fume chegou á barreira" do municipio, segundo explicou o seu alcalde, Julio Manuel Yebra (PP), pero o lume mantense "con moita distancia". "Na miña opinión, aínda con certo temor para equivocarme, non van chegar as chamas", engadiu.
Dificultades nos traballos de extinción
Precisamente o fume provocou dificultades á hora de atallar o lume a certas horas da mañá. Fontes da Consellaría do Medio Rural explican que, "nalgúns momentos pola mañá", o fume dificultou as tarefas de extinción do incendio de Pantón por falta de visibilidade, aínda que pasadas as 14.30 horas traballaban xa "con normalidade" os medios aéreos.
Un extremo que confirma tamén o persoal de extinción, que relata grandes dificultades para acceder con medio aéreos á zona. De feito, até as 12.30 horas desta terza feira non puideron comezar a traballar, posto que non hai acceso por medios terrestres.
Nunha mensaxe a través de redes sociais, a BRIF de Tabuyo (León), que se desprazou para colaborar por segundo día consecutivo nas tarefas de extinción, explica que á súa chegada na mañá desta sexta feira atopouse co que definen como un fenómeno de "inversión térmica" e "nula visibilidade".
Este feito levou a que tiveron que ser redirixidos á base da Merca (Terra de Celanova) á espera de mellores condicións de traballo, tras o cal realizaron un segundo intento para sobrevoar a zona.
Unha faísca do ferrocarril, posíbel causa do lume
Os corpos de seguridade investigan xa as posíbeis causas do incendio, que se orixinou nas inmediacións das vías do tren esta quinta feira arredor das 14.16 horas con xa máis de 700 hectáreas calcinadas e que obrigou a decretar situación 2 pola proximidade ao núcleo de poboación de Lornís.
Segundo confirmou o alcalde de Pantón, Jose Luís Álvarez (PP), o incendio "empezou perto da vía férrea", despois de que un tren pasara "arredor das 12" do mediodía, aínda sen confirmar se o lume foi provocado ou causado por unha "faísca" do propio ferrocarril. Nesta liña, a Consellería do Medio Rural ratificou que Garda Civil e Policía Autonómica "están a investigar" as posíbeis causas do lume.
Así mesmo, a circulación de trens entre Ourense e Lugo tivo que ser interrompida por mor do lume a partir das 16.30 horas, segundo informou Adif, ante o que se estabeleceu un plan de transporte alternativo por estrada. Esta sexta feira non houbo cambios nesta situación.
O avance das chamas obrigou tamén a cortar o tráfico na LU-P-4103 pola proximidade do lume á infraestruutra.