FS-TES denuncia que o 061 carece de medios propios para reforzar o servizo de ambulancias en emerxencias
O Sindicato Profesional de Técnicos en Emerxencias Sanitarias de Galiza (FS-TES), xunto coas asociacións Asgate e Tesgalicia, alerta de que a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza- 061 é ”incapaz de dispor de ambulancias adicionais fóra da Rede de Transporte Sanitario Urxente (RTSU) actualmente adxudicada a empresas privadas, xa que non conta con vehículos propios nin con persoal TES público para dotalas”. Esta situación, afirman, foi reiteradamente comunicada polas organizacións profesionais en diversas reunións coa dirección do 061, “supón unha grave limitación á capacidade de resposta do sistema en caso de catástrofe, múltiples vítimas ou emerxencias de gran magnitude”.
FS-TES lembra que o modelo galego depende na súa totalidade da externalización do transporte sanitario urxente, o que deixa ao sistema sen un plan de continxencia real cando se requiren recursos extraordinarios. A pesar das advertencias deste sindicato e das asociacións profesionais, “a administración sanitaria non adoptou medidas para garantir a dispoñibilidade de ambulancias e persoal TES público que reforcen a rede existente”.
Mesmo no caso de que os propios Técnicos en Emerxencias Sanitarias se ofrecesen voluntarios para dotar estas ambulancias en situacións excepcionais, “o sistema actual impídeo, xa que os vehículos de urxencias son propiedade das empresas privadas adxudicatarias e non da administración pública”.
Do mesmo modo, proseguen, ocorre cos locutores e operadores de emerxencias que atenden as chamadas na central do 061 de Galiza, “quen tamén dependen de contratas privadas, o que impide reforzar a atención telefónica en situacións de crises sen recorrer ás empresas concesionarias”.
Lembra esta organización que esta realidade xa se fixo evidente recentemente durante o apagamento que afectou á Galiza, “cando o 061 estivo imposibilitado para dispor de ambulancias adicionais máis aló das contempladas na rede adxudicada, quedando patente a fraxilidade do modelo actual”.
“Levamos anos advertindo desta carencia estrutural. Se se produce un gran accidente ou unha catástrofe, o 061 de Galicia non dispón de medios propios para responder máis aló do contratado con empresas privadas. É unha irresponsabilidade que pon en risco a seguridade da cidadanía”, sinala FS-TES.