A fronteira con Portugal carece de controis policiais

Vehículos na frontera Galiza-Portugal, na zona da ponte internacional Tui-Valença (Europa Press).

Malia manter un fechamento perimetral, os vehículos cruzaron sen controis a fronteira da Galiza con Portugal.

As novas medidas de alivio que, fundamentalmente, supuxeron unha reapertura xeneralizada da hostalaría na Galiza, aínda que con distintas limitacións, entraron en vigor esta sexta ás 00 horas.

Con todo, até o próximo 9 de decembro, Galiza permanecerá fechada en todas as súas fronteiras para evitar os desprazamentos habituais nesta época do ano con festivos. Ademais, un total de 56 concellos teñen restrinxida a súa mobilidade interna.

Malia estas limitacións, na mañá da sexta feira, o último día laborábel antes da ponte festiva, vehículos que circularon na fronteira lusa fixérono sen controis policiais de ningún tipo, como se puido comprobar presencialmente.

Preguntado a respecto diso nun acto na Coruña sobre a constitución española, o delegado do Goberno na Galiza, Javier Losada, defendeu que as fronteiras como tal "non están fechadas", senón Galiza e lembrou a quen entre no territorio "que non poden pasar de Tui" ou "ten que aterse ás restricións que existen".

Pendentes das "instrucións da Xunta"

Losada subliñou que haberá durante esta ponte 132 patrullas móbiles para estabelecer os controis das restricións. "Está todo controlado para cubrir as indicacións da Xunta", asegurou, en declaracións aos medios.

 

A este respecto, Losada sinalou que tamén están a esperar que a Xunta os informe "de forma exacta e correcta" sobre os puntos que teñen que estar controlados.

Como figura no Diario Oficial da Galiza (DOG) número 211-bis, do 3 de decembro, o comité clínico, á vista da evolución da pandemia no norte de Portugal e da súa situación epidemiolóxica, "moi diferente á de Galiza", instou a Xunta a adoptar medidas temporais restritivas "para evitar desprazamentos de poboación entre estes territorios, tendo en conta razóns sanitarias e epidemiolóxicas" e, en particular, "valorando a proximidade dunha ponte festiva en que é previsíbel que se produza un aumento dos desprazamentos por razóns meramente recreativas, turísticas ou de lecer".