Fronte común na Galiza para que o acordo con Mercosur non se aplique no agro: "Sería o abandono do rural"
Na aplicación do Mercorsur está en xogo moito máis que un tratado comercial internacional, "vai supor na Galiza un feche de explotacións" [de 2015 a 2024 reducíronse na Galiza 45,7% das explotacións lácteas, o que supuxo o feche de 4.394 granxas] e unha acentuación do "abandono do rural". Un total de 14 organizacións e entidades do sector primario galego, de colectivos ambientalistas e plataformas de defensa dun consumo consciente presentaron esta sexta feira en público en Lugo o Foro do Sector Primario-Plataforma Rural Galega, un espazo "de unidade" para confrontar as principais ameazas que pairan sobre os sectores produtivos ligados á terra, desde a agricultura e o gando á apicultura, a produción ecolóxica, o viño ou a horta. A primeira das súas demandas é que o sector agroalimentario galego e europeo fique fóra da aplicación do Mercosur.
"Vai ser un golpe mortal para todos os que vivimos e producimos no rural", apunta a Nós Diario Adrián Riádegos, presidente da Asociación Elas Eles. "O que pedimos é que a alimentación quede fóra da aplicación do Tratado, é un tema demasiado importante para sometelo a todos eses intereses en xogo", sinala a este medio Elías Somoza, da Fruga "Que o sector agroalimentario fique á marxe do Mercosur, non pode ser usado como unha moeda de cambio", pide María Ferreiro, do Sindicato Labrego Galego (SLG).
Elas Eles, Fruga e SLG son tres das 14 organizacións que poñen en marcha o Foro. "Foi rematar a roda de prensa e xa hai dúas máis que se queren sumar", indica Riádegos, que explica que hai unha semanas comenzaron os contactos entre diferentes entidades e colectivos coa idea de facer "unha fronte común" contra o Mercosur. "Estabamos moi fragmentados e o que se precisa é unidade", afirma este gandeiro en Vila de Cruces (O Deza), sinalando como exemplo o ano 2015, cando o sector agrogandeiro protagonizou importantes mobilizacións e tractoradas por todo o país contra a baixada de prezos do leite.
Representantes de varias das entidades fundadoras compareceron esta sexta na Praza de Abastos de Lugo para dar a coñecer o manifesto no que piden que non se aplique Mercosur ao sector primario. "É totalmente inasumíbel e irresponsábel a sinatura e implantación dun acordo que ameaza o sustento das labregas europeas e socava as nosas normas ambientais e de seguridade alimentaria", afirman. Insisten en que coa aplicación do acordo vai haber "danos e prexuízos considerábeis" sobre a Galiza. O camiño a seguir, apuntan, é outro ben distinto: "O amparo e coidado da soberanía alimentaria na Galiza".
Soberanía alimentaria
"É un risco grave para a nosa soberanía alimentaria", engaden, e instan as diferentes administracións -a centrarse en traballar na "defensa e promoción" de sistemas produtivos máis sostíbeis "e menos dependentes enerxeticamente da importación de insumos e materias primas procedentes da área de influencia Mercosur".
Este último tema cobra especial importancia ante o escenario de aumento dos prezos de combustíbel e de insumos que vén a raíz da guerra contra o Irán. "A situación hoxe [no agro] é moito peor que hai unhas semanas, e se xa daquela advertiamos do nocivo da aplicación do Mercosur", apunta Elías Somoza, "agora sería moito peor. "A partir do 1 de abril toca renovar contratos de leite e moitos van vir con baixadas de nove céntimos [o litro], o que unido á suba do prezo de combustíbel e insumos vai levar cara a unha tormenta perfecta".
Riádegos, pola súa parte,advirte que a situación estase a tornar "inviábel" para moitas explotacións de vacún. "Como suba algo máis [o prezo do combustíbel] xa van empezar a fechar explotacións" e, a maiores, de se aplicar o Tratado do Mercosur, "iso xa pode ser verdadeiramente a fin".
A presidenta do SLG cre que "hai moita batalla que dar" desde o sector primario e non só no que atinxe a Mercosur. "Debemos transmitir a sociedade que o camiño da simple e pura mercantilización do agro, dos alimentos, vai ser catastrófico non só para o sector, senón para toda a cidadanía", apunta.
A pesca urxe actuar
A Confederación Española de Pesca (Cepesca) solicitou esta sexta feira ao Goberno estatal que adopte medidas urxentes ante o "forte incremento" do prezo do combustíbel, que está a levar a parte da frota pesqueira no Estado —da que a galega é a máis importante con diferenza— a operar con perdas e coloca a algúns buques "ao límite" da súa actividade.
A asociación advirte do risco de paradas de actividade e do impacto que iso tería sobre o emprego, as comunidades costeiras e a subministración de peixe, e reclama mecanismos compensatorios que permitan manter a actividade e reducir os custos operativos derivados do encarecemento do petróleo. Cepesca lembra que o actual contexto xeopolítico, marcado pola inestabilidade en Oriente Próximo, disparou o prezo do combustíbel, que en apenas unha semana subiu máis de 75%, superando un euro por litro, niveis comparábeis á crise enerxética de 2022. Europêche, organización que agrupa ao sector pesqueiro europeo, solicitou á Unión Europea "medidas de apoio de emerxencia" para mitigar o impacto económico.
60% das axudas ás explotacións polos incendios aínda se están a tramitar
Máis de 60% das 1.550 solicitudes de axudas a explotacións agrarias, gandeiras e apícolas afectadas polos danos derivados dos incendios forestais da vaga do pasado agosto está en tramitación, isto é, un total de 950. Así o revelou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en comisión parlamentaria a preguntas da deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta, quen advertiu dunha situación "moi complicada" tendo en conta que "o gando come todos os días". Balseiros argumentou que existen "singularidades que ralentizan estes expedientes", e así explicou que "a maior parte presentáronse en papel", o cal "supón un atraso", e tamén "houbo que requirir a práctica totalidade das solicitudes a pesar da escasa documentación que se pedía". Rodríguez advertiu que os gandeiros levan oito meses sen cobrar unhas axudas para afrontar as consecuencias dos incnedios do pasado verán e que resultan fundamentais para a viabilidade das explotacións.
Comunidades de montes
Tamén nesa mesma comisión, a portavoz de Montes do BNG no Parlamento galego, Montse Valcárcel defendeu a posibilidade de condonar total ou parcialmente as débedas das comunidades de montes veciñais naqueles casos en que se acredite que a Administración xa recuperou cos ingresos xerados o investimento realizado, "ou que as comunidades asumiron custos non contabilizados".