Os Franco asumen a condena sobre as estatuas do mestre Mateo e instan o Concello a recollelas en Meirás
O Concello de Compostela recibiu na mañá dsta cuarta feira un burofax do avogado da familia Franco no que recolle a vontade expresa desta de cumprir a sentenza que a obriga a devolver as estatuas dos profetas do Pórtico, Abraham e Isaac, atribuídas ao Mestre Mateo e espoliadas polo ditador. No documento remitido ao pazo de Raxoi, os herdeiros de Franco ademais de manifestar que asumen a sentenza, afirman que "están en disposición de entregar as estatuas de maneira inmediata”, cumprindo o ditado xudicial “de maneira voluntaria e total".
O documento manifesta tamén a intención da familia do ditador de proceder ao pagamento voluntario das costas que foron impostas en primeira instancia.
"É un día grande para o Concello de Santiago e para a sociedade civil, porque empezamos a contra atrás para materializar a volta dos profetas do Pórtico ao Concello”, manifestou onte Goretti Sanmartín nunha comparecencia de urxencia. A rexedora compostelá concluíu que os herdeiros do ditador "claudican na súa batalla por seguir sendo os donos dunhas estatuas que evidentemente non lles pertencen”.
A alcaldesa da capital galega explicou que xa deu instrucións internas para iniciar as accións que se deben adoptar, a comezar por analizar cal é procedemento para "buscar a maneira más rápida de traer as estatuas", que están no Pazo de Meirás.
En canto ao lugar onde se van instalar unha vez en Compostela, Sanmartín confirmou que se traballará da man das persoas expertas para buscar o mellor sitio, que reúna as condicións técnicas de conservación e tamén poidan estar expostas ao público permanentemente. Ademais, a alcaldesa indicou que ligada á devolución das estatuas, deberá haber unha explicación que fique para as xeracións vindeiras e actuais.
Recoñecementos
Sanmartín quixo tamén recoñecer o traballo de todos os colectivos de loita pola memoria histórica e singularmente á asociación O Sorriso de Daniel. Tamén fixo extensivos os recoñecementos aos agradecementos a persoas, entidades e institucións, os alcaldes Martiño Noriega e Xosé Sánchez Bugallo, ao persoal da Asesoría Xurídica e de Patrimonio do Concello e a todos os colectivos que levan anos "deixándose a pel para facer realidade que o que foi espoliado e roubado volva a onde non debeu saír".