Francisco Jorquera, novo presidente da Fundación Galiza Sempre

Francisco Jorquera

Ana Miranda ocupará a vice-presidencia.

Francisco Jorquera vai ser o novo presidente da Fundación Galiza Sempre, que vén de renovar o seu padroado. Jorquera toma así o relevo de Guillerme Vázquez. Ana Miranda pasa ser vice-presidenta. O novo padroado está formado por Obdulia Diniz, Montserrat Prado Cores, Xosé Luís RivasMini e Xosé Emilio Vicente Caneda, Bieito Lobeira, Uxío Breogán Diéguez, María do Carme García Negro e Néstor Rego. Creada en 1999, Galiza Sempre desenvolve dúas liñas de actuación principais: unha, dirixida á promoción do pensamento socioeconómico, político e cultural de Galiza, e outra adicada á preservación e difusión da memoria histórica de Galiza e especificamente do nacionalismo galego.

No ámbito do pensamento, a Fundación Galiza Sempre distingue distingue tres eixos temáticos: as nacións sen estado, a crítica do neoliberalismo, a desigualdade e a exclusión e social e, en terceiro lugar, as políticas públicas alternativas no ámbito do feminismo, a cultura, a participación cidadá ou as transformacións sociais asociadas ao autogoberno.

A Fundación mantén relacións con entidades do Euskal Herria, Catalunya e Portugal, e participa en redes europeas ou no Foro Social Mundial. Integrada no Centre Maurits Coppieters,  tamén é co-fundadora da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos canda organizacións doutras nacións sen estado e movementos indixenistas.