O fracaso do modelo E-Dixgal agudízase coa despreocupación de Educación
O proxecto de educación dixital da Xunta da Galiza, coñecido como E-Dixgal, protagonizou anos de críticas no seo da comunidade educativa, pondo de acordo familias e profesorado. O "naufraxio" do modelo fica máis patente co sistema "híbrido" impulsado pola Consellaría de Educación tras as protestas e tamén coas incidencias do inicio de curso, o alumnado sen computadores e o profesorado sen formación.
O curso 2025-26 comezou con 599 centros de ensino inscritos en E-Dixgal, unha cifra que representa 14 menos que o curso anterior. Trátase do segundo ano académico en que cae o número total de colexios e institutos adheridos a un programa rodeado de polémica.
Perante as críticas, cada vez máis numerosas, de profesorado, familias e persoas especialistas, a Xunta da Galiza, "sensíbel ao sentir da comunidade", anunciou "unha serie de melloras" no programa; entre elas, un "modelo híbrido", con novas tecnoloxías e papel.
Aínda que o Goberno galego adiantou que dotaría os centros E-Dixgal de libros de texto, é o profesorado, e non a Consellaría, quen decide se emprega ou non o soporte en papel. O conselleiro, Román Rodríguez, xa advertira de que sería "unha decisión voluntaria de cada centro", que podería incorporar até tres libros de texto na etapa de Primaria, pois na de Secundaria xa se podía empregar este material en papel xunto co E-Dixgal.
Sen formación
A Xunta da Galiza anunciara tamén melloras na formación do profesorado. Porén, co curso iniciado, docentes que deben impartir as materias con E-dixgal non teñen á súa disposición cursos de formación. Explícao Ana, que aprobou as oposicións de Secundaria este ano: "Nunca imaxinei tal despropósito, quizais tiña moi romantizada a idea do ensino público", confesa. "Cheguei ao IES, no claustro de adscrición tocoume impartir E-Dixgal, porque fun a última en elixir, estamos a 15 de setembro e nin as nenas e nenos teñen computador nin nós temos, de momento, a posibilidade de facer un curso formativo", explica a este xornal.
Marta imparte aulas en 5º de Primaria. Agora funcionaria, leva catro anos traballando para a Consellaría e este curso, por vez primeira, ten que empregar o modelo E-Dixgal. "Síntome insegura, pensei que teriamos á nosa disposición, xa desde o inicio de setembro, un curso, pero non... Só hai cursos presenciais en Lugo, Santiago e Pontevedra sobre 'Introdución aos recursos E-Dixgal' e, no mellor dos casos, empezan a finais de setembro. Non sei como pretenden que lles explique aos nenos como funciona E-Dixgal cando non teño nin idea", expresa. "Ao final, tes que molestar os compañeiros para que te vaian dicindo como vai o programa, pero non se aprende nunha tarde", lamenta.
Incidencias
A falta de formación e de computadores para o alumnado –hai centros aos que na segunda semana do curso escolar non chegaron os computadores– non é o único problema que enfronta o profesorado que imparte materias con E-Dixgal.
Docentes denuncian a imposibilidade de restauraren os contidos do curso anterior. "Non consigo recuperar a materia do curso pasado, teño moitísimo material nela e dediqueille moitas horas da miña vida, chamei a Consellaría varias veces e o único que fan é anotar o número de incidencia, pasan os días e ninguén me chama", relata Inma. O mesmo narra Ana María: "No meu centro somos varios nesta situación e estamos desesperados, intentando desde o 2 de setembro restaurar varios cursos e non hai maneira... Chamas a Santiago, din que toman nota pero non hai ningún avance".
Patricia, mestra dun 6º de Educación Primaria que leva catro anos con E-Dixgal, ironiza coa "despreocupación" da Consellaría: "Son os primeiros que incumpren os prazos; a nós exíxennos, pero despois teñen todo sen facer". "Quen temos E-Dixgal, até final de mes non podemos empregar os computadores, iso si, as nenas e nenos comezan cada vez antes [este ano o 8 de setembro] e os profes temos menos tempo para preparar as materias, porque eu, en E-Dixgal, elimino o contido da editorial e fágoo todo de cero, só aproveito a maqueta. Semella que a Consellaría está máis interesada en que os centros actúen como 'gardarías' que en garantir a formación do alumnado", conclúe.