As forzas de seguridade realizaron na provincia da Coruña 333 propostas de sanción, 60% relacionadas coa hostalaría

Imaxe de arquivo (Foto: Arxina).
Os Corpos de Seguridade duplicaron esta fin de semana o número de propostas de sanción respecto da anterior fin de semana. A subdelegada do Goberno na Coruña traslada ás forzas e corpos de seguridade a mensaxe de “ tolerancia cero” cos incumprimentos.

 

As forzas de seguridade - Garda Civil e a Policía, en colaboración e coordinación en moitos casos con Policía española adscrita á comunidade da Galiza e policías locais - controlaron esta fin de semana 10.146 persoas e 5.871 vehículos e  realizaron 333 propostas de sanción na provincia da Coruña. No que atinxe ás sancións, o 60% están relacionadas coa hostalaría, a maioría delas por non usar correctamente a máscara hixiénica ou sanitaria.

Son datos ofrecidos pola Delegación do Goberno español na Galiza, que indica que é o duplo de sancións que na anterior in de semana.

O Centro de Coordinación Operativo da provincia da Coruña (CECOR) creado para o seguimento da loita contra a COVID-19 mantivo unha nova reunión para avaliar as novidades introducidas recentemente pola Xunta e coordinar a conseguinte liña de actuación das Forzas de Seguridade do Estado na provincia da Coruña.

De maneira especial abordouse a necesidade de manter “tolerancia cero cos incumprimentos no sector da hostalaría, atendendo desa maneira as indicacións feitas neste sentido pola Xunta coma autoridade delegada competente”, indican nun comunicado.
 
Acordouse adaptar os dispositivos policiais, de tal maneira que se intensificará a coordinación e colaboración entre as distintas forzas e corpos de seguridade.
  
A subdelegada do Goberno na Coruña subliñou que é fundamental respectar as normas establecidas, polo que solicita que os cidadáns sigan as indicacións das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.