“As forzas neoliberais intentan a cada paso máis perverter o termo sustentábel”

Pontevedra acolle este sábado unhas xornadas sobre xestión sustentábel do territorio que reúnen activistas e expertos, organizadas pola eurodeputada Lidia Senra.

‘A xestión sustentábel do territorio: Debate para avanzar na Galiza e en Europa´e o título das xornadas que este sábado, 8 de xullo, vai decorrer en Pontevedra organizado pola eurodeputada galega Lídia Senra. “Necesitamos intercambiar opinión, experiencias, reflexionar e debater”, afirma Senra, que sostén que “estamos nun momento no que as forzas neoliberais intentan a cada paso máis perverter o termo sustentábel e usalo para nomear accións e políticas súas impulsadas na Galiza e en toda Europa que en realidade de sustentábeis non teñen nada”. De aí, engade, a necesidade “de analizar o que está a acontecer coa xestión do territorio, coa falta de respecto e desleixo que amosan as administracións”.

 

Entre as persoas que tomarán parte nas mesmas está Pedro Mota e Costa, chegado de Portugal, asesor de Xestión Autárquica e Finanzas Locais. Levará acabo un relatorio que versará sobre a ‘Promoción da sustentabilidade local a través de discriminación financeira positiva’Eduardo José Corbelle Rico, enxeñeiro de Montes e profesor universitario de Enxeñaría Agroforestal no Campus de Lugo; Belén Fervenza, responsable do sector de horta, froita e flor do Sindicato Labrego Galego (SLG); e María Ángeles Ríos Pintos, da Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, falarán sobre o despoboamento do rural.

 

 “A xestión dos recursos hidrolóxicos. O aproveitamento enerxético dos caudais e os dereitos públicos e veciñais sobre as augas e o patrimonio termal”, a cargo de Heitor Picallo Fuentes, enxeñeiro e investigador, membro da Plataforma pola Recuperación do Patrimonio Termal de Cuntis e Caldas de Reis; e Telma Lago Rodríguez, da Cooperativa Nosa Enerxía. Un coloquio porá o ramo a estas xornadas. ‘Ameazas que afectan ao patrimonio cultural arqueolóxico. Propostas fronte ao esquecemento’, con Antonio Costa, presidente da Asociación Irmandade Illa de Tambo; e Xesús Rodríguez Castro, presidente da Asociación Umia Vivo.