O Foro Galego de Inmigración ve "racismo" nas declaracións de Fabiola García sobre os menores migrantes
A entidade pide a dimisión da responsábel de Política Social no Goberno galego se non emite unha "rectificación inmediata".
O Foro Galego de Inmigración considerou que hai "racismo" nas declaracións da conselleira de Política Social, Fabiola García, nas que falou de "guetos" para criticar a xestión do Goberno español no reparto de menores migrantes e exixiu unha "rectificación" por parte do Goberno galego.
Así o trasladou nun comunicado despois de que na xornada da segunda feira, a conselleira asegurase que a Xunta da Galiza "non aceptará ningunha imposición máis" na repartición de menores migrantes e sostivese que, cos criterios expostos, o Goberno pretende "rebentar" o sistema de protección das comunidades. "Imos ter que crear guetos, que é o que parece que pretende facer o Goberno", asegurou.
O Foro tacha de "inaceptábeis" as palabras de Fabiola García e asegura que non se poden tolerar expresións e actuacións "claramente racistas" por parte dunha responsábel política dese nivel.
"As críticas ao Goberno estatal non poden xustificar este tipo de expresións", asegura a entidade, que critica que fale de "guetos" cando "o único gueto está nas Illas Canarias". "Isto trátase de evitar os guetos", incide.
O Foro Galego de Inmigración critique que fale "de persoas tratadas como paquetes" cando "precisamente a non aceptación por parte da Xunta destas persoas menores fan que sexan tratados como mercadoría".
Así mesmo, censura que a integrante do Goberno galego fale de "imposicións" por parte do Executivo estatal, "cando se trata de negociar e, en todo caso, de estabelecer acordos". "Fala de falta de medios económicos cando o Goberno estatal compromete os medios económicos, e en todo caso son ridículos en comparación con outros gastos da Xunta neste campo. Por exemplo os da Estratexia retorna", sostén o Foro.
"Fala de comprometer o sistema de acollida de menores, cando sabemos que ese sistema debe e pode incrementar os seus recursos. De feito, é unha oportunidade de facelo", asegura a entidade, que critica que "unha vez máis" se faga un uso político das persoas migrantes e das súas vidas, neste caso, ademais, co "cuestionamiento da atención a persoas menores".
"Exiximos unha rectificación inmediata do Goberno galego ante esta cuestión e, no caso de que non se produza, a dimisión da responsábel de Política Social da Xunta", finaliza.
O BNG súmase ás críticas
Tamén o BNG exixiu esta terza feira unha "rectificación" á titular de Política Social. A portavoz de Infancia da formación nacionalista no Parlamento da Galiza, Ariadna Fernández, pediu a Fabiola García, que "rectifique" o seu "discurso enmarcado no racismo" sobre a acollida de menores migrantes.
"Desde o BNG consideramos lamentábeis as declaracións da conselleira de Política Social ao falar de guetos e de imposicións tras coñecer o número de menores inmigrantes non acompañados que van vir a Galiza", insistiu Fernández, que lembrou que "se trata de nenos que chegan sos e que hai que acoller".
A deputada do BNG instou a conselleira a dar prioridade á vida destes nenos que sofren as consecuencias da guerra e da fame e "non instalarse nun discurso encadrado no racismo que deixa de lado a solidariedade e que non recoñece que o problema non son estes menores".
"O problema é o Goberno galego, que ten un sistema de protección sobresaturado", engadiu Fernández, esperando que Fabiola García "rectifique canto antes" e se dedique a "protexer" estas nenas e nenos.