En Compostela

O Foro Galego da Inmigración denuncia a expulsión dun mozo de 19 anos

Segundo o Foro Galego de Inmigración, as forzas de seguridade do Estado pretenden expulsar de Compostela un mozo de 19 anos de orixe paraguaia que reside na cidade desde hai máis de 14 anos, moitos deles baixo a tutela da Xunta de Galiza.

O Foro Galego de Inmigración denuncia que as forzas de seguridade do Estado pretenden expulsar de Compostela un veciño de orixe paraguaia de 19 anos que reside na localidade desde hai máis de 14.

A organización explica que, unha vez perdida a súa condición de menor tutelado, o mozo non logrou unha oferta de traballo que lle permitise regularizar a súa situación administrativa. Así, tivo que lle facer fronte a un procedemento de expulsión que a policía pretende converter en resolución firme para executar de inmediato.

O Foro pon de manifesto que o mozo foi detido a terza feira, 22 de novembro, e que vai ser trasladado a Madrid nas próximas horas coa intención de envialo a Perú. “Non ten familia ningunha alí. A súa familia, nai e irmán pequeno residen aquí desde eses mesmos 14 anos. Coincide ademais que a nai, enferma e soa, precisa coidados e atención”, salienta a organización.

A entidade di non entender o “asañamento que supón facer efectiva a expulsión deste rapaz, que podería quedar co procedemento de expulsión aquí e coa posibilidade pola vía de arraigo social de arranxar a súa situación legal”.

EU súmase á denuncia

Esquerda Unida, a través do ex parlamentar de AGE Xabier Ron, súmase á denuncia do Foro e lamenta que o aeroporto madrileño se converta, “por desexo da dereita caníbal que nos goberna”, en “expresión da deportación”. “Un mozo que non cometeu ningún delito, a non ser que sexa delito vivir entre nós desde os catro anos ou que o sexa ser tutelado pola Xunta”, indica o ex deputado.