O Foro Cívico Galego en Barcelona declara a súa oposición á política "oligarca" e "imperial" do PP en Catalunya

Através da sinatura do Manifesto Meridiano denuncian as posicións adoptadas por Feijóo e o presidente do Centro Galego de Barcelona, Manoel Carrete.

 

"Non no noso nome!". Así remata o Manifesto Meridiano asinado o 21 de setembro en Barcelona por 33 persoas entre as que se atopan o xornalista Antón Escuredo, Suso Mon, Francisco Castro, Iolanda Tosar, Xiana Díaz ou Paula Ventura. 

No documento, con data do 21 de setembro, o Foro Cívico Galego de Barcelona (FCGB) bate con dureza contra as posicións do Partido Popular en Catalunya e rexeita os discursos de líderes políticos como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo ou o presidente do Centro Galego de Barcelona, Manoel Carrete. 

"O 12 de setembro de 2015 unha grea de membros do neofranquismo e do neofraguismo do PP visitáronnos para declarar que seguen a conspirar sobre como vampirizar o sangue dos emigrantes zugándolles o único que non son quen de pisparlles sen a súa vontade: o voto", apuntan. 

"Na devandita xuntanza, estes garantes da "unidad de España" confabuláronse para seguir a afogar a vida dos pobos das Hespañas e a súa auténtica biodiversidade e pluralismo: nacional, cultural, lingüístico e económico, por medio da intimidación e da propaganda anticatalá". 

Manifesto Meridiano censura que Feijóo advertise que "Catalunya está metida nun tebregoso túnel sen saída porque está na ilegalidade", mentres, afirman, "el dirixe raposeiro desde a autonosúa constitucional, o afundimento de Galiza na miseria moral, na anomía identitaria, na ruína económica e na intemperie histórica". 

"Estes garantes da "unidad de España" confabuláronse para seguir a afogar a vida dos pobos das Hespañas e a súa auténtica biodiversidade e pluralismo"

Desde o Foro Cívico Galego en Barcelona sinalan que se trata "dos mesmos que pretenden que nos que nos definimos e sentimos galego-cataláns nos manteñamos no gueto galego-español, construíndo así valados na sociedade catalá, coa pretensión de perpetuarnos como servos do estado imperial que destruíu e destrúe a nosa identidade de orixe, a galega, e a nosa identidade de acollida, a catalá". 

Neste senso, denuncian as declaracións do presidente do Centro Galego en Barcelona, "a entidade máis veterana da comunidade galega en Catalunya" cando afirmou que "É unha obriga que che impoñen cada día: ou es unionista ou es independentista. A palabra que ninguén di, mais que todo o mundo pensa é sobrades". 

As asinantes aseguran que estas declaracións "nos avergoñan" ao se facer "carrete de transmisión das mentiras ideolóxicas dos seus mentores do PP" e pór "ao servizo dos adversarios tanto da liverdade e identidade catalás como dos cidadáns galego-cataláns" un espazo como o Centro Galego.