Fornecidas 30.400 vacinas en residencias de maiores libres de Covid, o 81% da primeira dose

Unha sanitaria sostén unha vacina da Covid-19. (Foto: Sven Hoppe / Dpa)
A Xunta conta con chegar ao 100% esta semana e mantén o mes de xaneiro para terminar coa segunda quenda

A Xunta leva fornecidas 30.400 vacinas en residencias de maiores da aliza "libres de covid", isto é, aquelas que non contan con casos de coronavirus, o que supón o 81% da primeira dose, que espera concluír esta semana. Mentres, mantén o mes de xaneiro como prazo para chegar tamén ao 100% da segunda quenda.

Así o destacou a conselleira de Política Social, Fabiola García, en declaracións aos medios de comunicación antes de manter unha nova reunión telemática con profesionais das residencias públicas de maiores, co "dobre obxectivo" de darlles "as grazas polo intenso traballo" e "para pedirlles un último esforzo" ante unhas semanas "moi difíciles".

"Sabemos que están cansos e poden sentir desánimo", advertiu a titular de Política Social, antes de situar Galiza como "comunidade líder no proceso de vacinación", posto que xa van esas 30.400 doses fornecidas, segundo os seus datos.

Preguntada polos xornalistas polos datos que sitúan Galiza á cola en porcentaxe de prazas públicas de residencias de maiores, a conselleira reivindicou "esforzo" para incrementar este número durante os últimos 11 anos, aumento que fixou no 44% nese período.

Cifras oficiais do Imserso reflicten que, na Galiza, a porcentaxe de prazas públicas sobre o total é do 41%, o máis baixo de todas as comunidades, o que implica que a maioría son privadas.